fbpx
Cidade da Cultura de Galicia / foto VictorfliscornoCC0

A Xunta investirá outros 17 millóns de euros nun novo edificio para a Cidade da Cultura

Tempo de lectura: 5 min.

O Teatro da Música debería ser segundo edificio máis alto da Cidade da Cultura de Galicia, o complexo promovido pola Xunta de Manuel Fraga no ano 1999. Con 35.500 metros cadrados útiles o edificio habería de contar con dous grandes auditorios, un deles con capacidade para 1.300 persoas e que permitiría, entre outras, a representación de grandes obras operísticas. Este edificio estaba sen dúbida chamado a ser, xunto co Museo de Galicia, o gran reclamo do complexo e un dos grandes símbolos visibles do goberno galego.

Porén aínda que a súa construción comezou no primeiro lustro do século, no ano 2006 foi paralizado xunto co resto da construción do complexo polo bipartito, e xa no ano 2013 Feijóo o descartaría definitivamente. Dende aquela o edificio do Teatro da Música ficou coma un solar baleiro cos alicerces do que sería o gran auditorio medio construir, quedando así abandonado por lustros. Dende aquela Xunta so se dedicou a execución da urbanización, aparcadoiros e xardíns no complexo, tomando a decisión nos últimos anos de construír dous xardíns nos ocos xerados polos alicerces dos dous edificios non construídos.

Cidade da Cultura de Galicia / TitosoftCC0

Mais se no oco correspondente ós alicerces do Centro de Arte Internacional se construíra vai uns anos o chamado Xardín Literario, que destaca pola súa lagoa, neste pasado mes de xaneiro no desmonte do Teatro da Música o executivo galego decidiu construir un Xardín do Teatro ou Xardín Botánico, cun investimento de 2 novos millóns de euros. Este Xardín, en construción neste momento, ocupará practicamente dous terzos do espazo non construído do edificio e contará cun anfiteatro ó aire libre para 400 espectadores así como 12.000 metros cadrados de espazo axardinado, no que se plantarán 187 árbores de 30 especies, tal e como recollemos no seu día no xornal.

Mais un último terzo deste espazo si continuaría indefinido, pois a diferencia do seu futuro veciño, o Centro de Arte Internacional, o Teatro de Música si chegou a comezar a construírse, e dende aquel 2006 parte da súa estrutura fica abandonada no corazón do complexo. Que facer con esta estrutura debeu ser unha das preguntas importantes dun goberno que se comprometera a non construír nin un metro máis de edificación do complexo.

O Edificio Fontán

Mais o presidente do goberno galego Alberte Núñez Feijóo daba conta por fin este pasado luns da solución ideada para o vello esqueleto. Reconstruíráse unha nova edificación no que se localizará o chamado Edificio Fontán, unha infraestrutura que servirá de sede para o Consorcio Interuniversitario de Galicia, a institución encargada de coordinar as tres universidades, a Axencia para a Calidade no Sistema Universitario de Galicia, e o centro de Investigación de Paisaxes Culturais.

Proxecto da Fundación Cidade da Cultura para o solar do antigo Teatro da Música

“Estes centros precisan un espazo físico onde se poda traballar, e Galicia dispón dun lugar onde poden asentarse sen que iso supoña comezar a edificar dende cero e incrementar o gasto de xeito innecesario”, explicaba o presidente Feijóo. Segundo el era a máis económica de todas as alternativas dispoñibles para localizalo, xa que aproveitará as estruturas que xa existen e evitará o custe do derrube da vella armazón, que entre a súa construción e botala abaixo xa se terían investido uns 10 millóns de euros. Agora sen a cantidade -non precisada- do derrube, necesitará de investirse uns 17 millóns de euros máis. Unha cifra que se suma ós máis de 350 que leva costado a construción do complexo.

Mais para Feijóo é preciso tamén ter en conta que na Cidade da Cultura xa existe un ecosistema de traballo e os gastos de seguridade, calefacción e infraestruturas informáticas serían compartidas co resto do conxunto, participando dos entre 1,5 e 3 millóns que se gastan no complexo de xeito anual. Para Feijóo é unha “decisión responsable para las arcas públicas” pois encaixa coa “inversión que os galegos xa fixemos con este espazo” e ademais “está ó pé da arteria principal de Galicia, a Autoestrada do Atlántico”, das que, neste momento, segundo Fomento deberían terse iniciado no mes de abril as obras para a construción dun novo acceso que se fará cun custo de outros 3,36 millóns.

Un centro de Investigación para o Camiño de Santiago

O Consorcio Interuniversitario del Sistema Universitario de Galicia (Cisug), aprobado tan so tres días atrás, vai ser un órgano de nova creación deseñado para a coordinación da universitaria galega. Porén o proxecto non é máis que unha extensión do actual CiUG Comisión Interuniversitaria de Galicia, coa inclusión doutros entes xa en funcionamento, como o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. O novo Cisug terá personalidade xurídica propia mais estará adscrito á USC e o peso das tres universidades galegas estará repartido ó 30 % gardándose un 10 % para a Xunta. O seu mantemento custará un mínimo de 2,5 millóns de euros anuais.

As Torres Hejduk, na Cidade da Cultura / xunta.gal

Pola súa banda o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais será un centro dedicado a “profundar en todo o que rodea ó Camiño de Santiago, a paisaxe, os itinerarios culturais e o patrimonio” segundo explicaba o presidente da Xunta. O obxectivo segundo esta será crear un centro de investigación para o patrimonio cultural e económico que supón a ruta xacobea, dentro das liñas de traballo que se prevé definan as universidades. Trátase de crear un “armazón teórico, académico e intelectual para investigar sobre o Camiño de Santiago e todo o que o rodea”, e crear o que sería aínda a día de hoxe o primeiro centro de investigación en ciencias sociais do Sistema Universitario de Galicia.

De espazo turístico a conxunto administrativo

Así, con este edificio a Cidade da Cultura de Galicia deixa de ser por definición o espazo turístico e cultural co que foi concibido na década de 1999 para converterse sen dúbida nun complexo administrativo dependente da Xunta, un novo San Caetano. Se na súa orixe, case 20 anos atrás, o obxectivo era crear un complexo museístico que servira para diversificar territorialmente o, xa daquela saturado, casco histórico da cidade e evitar o gran problema de aquel momento: os visitantes sen pernoctación, hoxe o turismo na Cidade da Cultura é practicamente inexistente.

Pois, se na definición os espazos dedicados a espectáculo e os espazos expositivos sumaban máis de dúas terceiras partes do gran complexo, a día de hoxe so queda o Museo de Galicia, algunhas salas menores e as actividades que en ocasións se fan ó aire libre. Así, o Edificio Fontán sumarase a unha larga nómina de funcións administrativas como o Centro de Emprendemento, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e a mesma sala de conferencias onde foi presentado o proxecto, antiga sala de exposición do proxecto.

Cidade da Cultura de Galicia / foto titosoftCC0

Pode que che interese...