Eduardo Rodríguez Cunha, ´Tatán´ no pregón / foto HdG

Como se fai posible comunicar co humor? Así o fan dende a MITCFC

Foi no ano 1984 cando a asociación cultural Xiria imaxina por primeira vez a posibilidade de facer na vila de Cangas un festival de teatro cómico. Dende aquela, e van xa 35 edicións, Cangas foise convertendo ano tras ano nunha das capitais do teatro galego e unha das capitais do humorismo galego. É a través da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC), un festival de teatro que ten o humor por bandeira.

E é que “comunicar con humor” é o obxectivo dun ciclo que pretende ser algo máis que unha mostra de teatro ó uso. Impulsar novas formas de teatro, servir de foro e de encontro entre profesionais, preguntarse sobre a pedagoxía, sobre o espazo escénico, e converterse en lugar de encontro no que o humor vólvese ese instrumento sensacional para comunicar dende enriba dun escenario. E é por iso que nos seus 35 anos o MITCFC tamén serviu para crear públicos, construír espazos, coproducir espectáculos e darlle un pulo importante a un eido no que Galicia sempre tivo moito que dicir.

Así ó longo de esta fin de semana e ata o vindeiro domingo a capital do Morrazo volcarase coa mostra. A vila converterase estes dez días nunha “vila-teatro” que “exhibe espectáculos nos máis variados espazos posibles:  desde praias, xardíns e grandes espazos ata adros, capelas ou pequenas prazas nas que acoller a milleiros de espectadores de todas as idades e procedencias xeográficas” como afirman dende a organización. E non menten de feito, pois no día de onte, no estreo da mostra, encheuse case por completo o auditorio da vila.

Momento da obra Divinas Palabras Revolution do Centro Dramático Galego / Foto HdG

Pois a mostra arrincou na noite de onte cun acto no auditorio e cun pregón inaugural a cargo do actor, titiriteiro e cantante Eduardo Rodríguez Cunha, ´Tatán´. Nel destacou a importancia da mostra e do importante traballo dos cómicos galegos. Despois a mostra botou a andar coa obra Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego (CDG) , unha obra na que nove personaxes pechados nunha casa actualizan o texto de Valle Incalán do ano 1919 para crear unha fonda reflexión sobre a avaricia, a luxuria, a familia e a morte.

Unha mostra na que as mulleres sempre foron protagonistas

E é que se a MITCFC é un verdadeiro espazo de reflexión ó redor do teatro, o papel da muller nel non podía pasar desapercibido. Pois o MITCFC é tamén un espazo centrado na igualdade e no que a muller terá, unha vez máis este ano, un importante papel na mostra. A MITCFC foi a primeira mostra do Estado que impulsou e aplicou o principio de paridade, cunha programación completamente paritaria, e pioneira, moito antes das leis de igualdade. Así ós 35 anos da mostra temos que sumar as 17 edicións nas que a esta acolle o ciclo Mulleres Acción, dando, dende vai 6, os premios do mesmo nome.

Mais non é a única singularidade da mostra, senón que a organización, a cargo tamén dunha muller, María Armesto, ano tras ano consegue encher de sorpresas o seu carteis. Este ano contará con tres estreos absolutos Nómades, de Xapore Tulú, Jazz Vodas de Fígaro, de Vania Produccións e Silda & Hadrían, de Casilda Alfaro e Adrián Ríos en coprodución coa Mostra. Tamén haberá catro estreos galegos e espectáculos novos a nivel internacional como Maghi per una notte, da compañía Luccettino, Roxo, de Mireia Miracle, Playoff, de La joven compañía e Rojo Estándar de Lanördika.

O auditorio de Cangas intres despois da presentación / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: