Rúa do Castrón Douro en 1929 / foto compostelaenverde.santiago.gal

Comezan as obras da compostelá Castrón Douro que lucirá por fin novo deseño

Durante o Franquismo xa callara a idea de que o casco histórico de Santiago era un verdadeiro ben monumental. E foi nas décadas de 1950 e 1960 cando arquitectos como Pons Sorolla y Arnau traballaron a reo na renovación dalgúns firmes da cidade, inspirándose nunha imaxe pétrea e propia. Nesta época construíronse por exemplo as escaleiras da Vía Sacra, as escaleiras de Costa Vella, o enlousado de Porta da Pena, así como unha moi longa listaxe. Son intervencións facilmente recoñecibles pola feitura dos balaústres, pola sinxeleza dos chanzos, ou, noutros casos polo xogo entre perpiaños de granito e chapacuña de lousa.

Unha destas artísticas intervencións foi a da baixada de Castrón Douro, a rúa que une Sar con Virxe da Cerca nunha profunda pendente. Esta rúa tiña un singular deseño con dúas impostas de granito, lonxitudinais e cruzadas, e chapacuña de lousa nos panos entre elas. Tamén beirarrúas de pedra. O deseño seguíase ata a Ponte do Sar, ata que este tramo entre patio de Madres e a ponte, foi renovado a mediados no ano 2007 baixo o deseño continuísta e renovador, así como moi aplaudido, de 2carquitectos. Isto era daquela especialmente necesario, non so para relanzar o barrio histórico do Sar, parte da cidade histórica Patrimonio da Humanidade, senón tamén polo xa moi defectuoso estado da histórica intervención medio século despois.

Neste mesmo estado, ou se cadra peor pola enfesta da rúa, atópase dende aquela Castrón Douro. Unha rúa que xa dende aquela se pretende renovar. Mais a obra quedou no caixón por máis dunha década a pesares dos diferentes gobernos municipais. Mais este ano por fin o Consorcio tomou a iniciativa. Así este agosto tomará o relevo da súa irmá do Sar e será renovada por completo, comezándose por fin as obras. Terá un prazo de execución de 18 meses e un orzamento de 1,1 millóns de euros, financiados polo programa ReVive do Concello de Santiago así  como por fondos europeos. Xunto con esta rúa renovarase tamén o tramo adxunto de Patio de Madres. Será executado pola empresa Alcomte Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: