Ponteareas Castro de Troña / foto Jhonatán Zúñiga

Operación limpeza do Castro de Troña: castiñeiros no canto de eucaliptos

O Castro de Troña é un poboado fortificado no que destacan as súas estruturas defensivas. Posúe dous recintos principais claramente identificados pola muralla, ademais de polos restos descubertos durante as campañas de escavación que o dataron no século I a. C. Este ben patrimonial foi pasto da pavorosa vaga de lumes que afectou a Galicia, pero principalmente ao sur de Pontevedra, en outubro de 2017.

E xusto un ano despois,  a oficina municipal de voluntariado de Ponteareas (Voltea), dependente da concellería de Benestar Social e Mocidade, convocou a toda a veciñanza a participar na xornada de eliminación de eucalipto e plantación de castiñeiros que terá lugar o sábado 27 de outubro no entorno do Castro de Troña. E o certo é que foi, precisamente, esta especie foránea a que máis dano lle causou ao castro durante eses lumes.

Despois dos incendios os montes volveron retoñar pero, sobre todo, con especies invasoras que impiden a normal recuparación do solo e do bosque autóctono. Por iso, a concellería, coa colaboración dos voluntarios e voluntarias, quedará ás 09:30 horas do sábado no propio Castro de Troña, en Pías, para tentar eliminar o maior número de eucaliptos.

Rocío Márquez, responsable da oficina municipal define o eucalipto como praga “porque non crece nada debaixo del, nada co que se poida alimentar un burro ou unha cabra, nin fungos, nin froitos… Plantas eucalipto nun lugar e xa non crece nada máis. Desnutre a terra, que deixa de ter minerais. A xente do campo sempre plantou cada ano unha cousa, patacas, millo, despois barbeito… O eucalipto non permite isto, esquilma todo”.

Os interesados poderán obter máis información e confirmar asistencia nos teléfonos 687 764 516 ou no 661 761 685. Desde a organización recomendan levar botas e luvas.

Castro de Troña e capela das Pías, Ponteareas / Wikimedia

O castro

Actualmente, no castro pódense observar máis dunha trintena de edificacións, entre vivendas e anexos, así como parte das murallas perimétricas. Existen ademais unha serie de elementos singulares de especial interese para a visita. No extremo Leste, ó acubillo da muralla-torre grande, e entre as edificacións, destaca o gravado dunha serpe sobre a cara vertical dunha rocha. A poucos metros haiu un profundo oco escavado ó pé da muralla, probablemente utilizado como alxibe

Tal e como recolle Patrimoniogalego, na parte máis elevada erixíronse varias construccións contemporáneas: a igrexa dedicada ó Doce Nome de Xesús, dous cruceiros, fonte e lavadoiro. Ó redor da ermida celébrase unha romaría o 6 de agosto. Recemente, preto do castro, e tal e como informou este medio, reapareceu un petróglifo catalogado hai máis de 80 anos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: