fbpx
Castro atopado a case 1.250 metros de altura no Cebreiro / Patrimonio dos Ancares

Atopan un novo castro a 1.230 m. de altura no Cebreiro, a poucos metros do Camiño Francés

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares acaba de prensentar documentación dun novo castro no concello de Pedrafita do Cebreiro. A súa localización foi grazas á etimóloga Dolores González quen nos informou da existencia do microtopónimo O Castrillón, entre as aldeas de Padornelo e Sabugos. González atopou este microtopónimo a raíz dunha investigación filolóxica que está a facer sobre o nóme “Támaro”, tamén presente na zona.

O novo castro atopado está situado a unha altitude de 1.230 metros, e a uns 350 metros do Camiño Francés de Santiago. Trátase dun recinto de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros, protexido polo norte polo regueiro da Grovia e polo sur-este por potentes terrapléns e o pronunciado desnivel do terreo. Pola cara oeste, debido a que o asentamento foi utilizado para os labores agrícolas, perdeu parte do sistema defensivo.

Mapa do castro atopado no Cebreiro / Patrimonio dos Ancares

Este castro do Castrillón é o situado máis ao norte do municipio. A pouco máis de 200 metros está o topónimo O Tombelo, pode que unha variante de tumba, alusión a un enterramento do período Neolítico. “Aínda que non atopamos restos, informáronnos que no sitio había, ao menos, dúas mámoas que foron destruídas ao facer un tendido eléctrico de alta tensión e polos labores agrícolas”, sinalan desde este colectivo.

Ata o presente, no concello de Pedrafita do Cebreiro estaban recollidos, tanto por Patrimonio da Xunta de Galicia como no PXOM do Concello, un total de nove castros. Este novo achado xa lle foi comunicado ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura para que procedan á súa catalogación.

Pode que che interese...