fbpx
Mámoa de Casamea 1 ou Pedra da Cana (en San Pedro de Tállara, Lousame), convertida nun churrasqueiro, primeiro, e agora, nun vertedeiro / Barbantia Arqueoloxía

Outro desastre patrimonial: De dolmen utilizado para asar churrasco a vertedoiro

Tempo de lectura: 2 min.

Non hai semana que desde HdG non deamos conta dun desastre patrimonial. E, desta volta, por partida triple, xa que afecta, novamente á comarca do Barbanza. Se hai uns días, era o famoso banco chantado enriba dun petróglifo, ou que unha das mámoas que compoñen a senlleira necrópole megalítica de Os Campiños (Leiro, Rianxo) foi danada por labores relacionadas coa actividade forestal, agora trátase dun dolmen que xa foi gravemente alterado en 1995 e que, novamente, volve ser noticia por novas agresións.

“Nesta mesma comarca podemos observar un dos exemplos máis clarificadores desta lamentable tendencia que últimamente semella que está alcanzando o seu cenit, relativa á desprotección e destrucción do noso patrimonio”, apuntan desde Barbantia Arqueoloxía.

Esta entidade informa de que a Mámoa de Casamea 1 ou Pedra da Cana (en San Pedro de Tállara, Lousame) volveu sufrir alteracións. Así, en 1995, este xacemento foi alterado gravemente, destruíndo a cámara mortuoria (dolmen) para construír, parece ser, unha grella para asar, entre outras cousas, churrasco. De feito aínda se conserva a cheminea. porta e soportal con tubos de metal.

Tullas, neveira e garrafas de plástico

Recentemente, alguén decidiu volver colocar os ortostatos que arrancaran en 1995 e polos arredor do túmulo, plantar unhas tullas e deixar unha neveira e algunha garrafa de plástico para “acondicionar o xacemento”.

Este ben, a pesar da grave agresión de hai 24 anos aínda forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. De feito, o Concello de Lousame ten aprobado o seu PXOM dende o ano 2004, e no seu Catálogo de Bens Culturais a protexer atópase o citado xacemento. “Non estaría de máis que se puidese comprobar si os chantos conservan restos de pinturas ou gravados, xa que na Serra do Barbanza coñécense varios exemplos (Arca do Barbanza, Casota do Páramo)”, advirten desde Barbantia Arqueoloxía.

Pode que che interese...