fbpx
O Banco Pastor na década de 1930 / Fotos Antigas de A Coruña

Barrié D’Abadie, o bisavó de Barrié de la Maza, o gran traficante de escravos galego?

Tempo de lectura: 4 min.

Durante o primeiro terzo do século XIX a cidade da Coruña, como contamos noutro artigo, foi o gran porto de Galicia de exportación de escravos africanos cara América. Entre 1816 e 1820, segundo os investigadores, chegaron a saír do porto un bo número expedicións cargadas con escravos africanos nas que se estima que se chegou a transportar a preto de 7.000 persoas.

O papel que tivo a oligarquía comercial na cidade neste comercio foi fundamental. Tratábase dun momento no que o porto da Coruña estaba en plena emerxencia e a economía urbana expandíase en base a un potente sector financeiro, comercial e industrial. Algún dos grandes empresarios daquela emerxente Coruña obtiveron unha parte significativa dos seus ingresos co tráfico de persoas.

Escravos / foto PubicDomainPicturesCC0

Este foi o caso de Juan Francisco Barrié D’Abadie, bisavó do laureado empresario Pedro Barrié de la Maza. Orixinario da rexión de Gascuña en Francia, Juan Francisco Barrié chegou á cidade da Coruña no ano 1792 facéndose moi famoso por rexentar unha das sombreirerías de máis éxito da cidade, na que traballaron expertos sombreireiros traídos por el de Lión.

O gran comerciante de trigo

Porén a súa actividade principal e maior fonte de ingresos foi o comercio. Xa antes de chegar á Coruña comezara a súa carreira comercial en San Sebastián co seu primo Juan Bautista D’Abadie. Dende alí, como tantos outros empresarios doutras rexións máis industrializadas de España, trasladárase a Galicia buscando oportunidades de negocio ó abeiro da expansión que estaba a ter o porto da Coruña unha vez aberto ó comercio con América.

En 1797, Barrié D’Abadie, aproveintando a crise de gran en Galicia consegue o seu primeiro gran éxito comercial na cidade exportando de Amsterdam seis grandes cargamentos. Dende aquela ostentaría case por completo o monopolio do comercio de trigo estranxeiro con Galicia dende o porto da cidade. En 1803 conseguiría finalmente o permiso para o comercio con América.

Porén coa invasión napoleónica a súa situación cambiou, sendo nomeado polo Mariscal Ney como prior del Consulado de Comercio e encargado dos abastos da cidade. Pero cando o exército francés se retirou viuse obrigado a abandonar a cidade, conseguindo en 1814 volver á Coruña e recuperar todos os seus bens.

Comerciante de escravos e armamento

É daquela cando comeza a ser o comercio escravista unha das súas fontes de ingresos. No lustro entre 1816 e 1820 Barrié D’Abadie chegou a facer trece expedicións a África para levar escravos ata La Habana. Isto, para algúns investigadores que cifran en 25 as expedicións que nese lustro dende a cidade, constituiría máis da metade das viaxes. Nelas trasladaríase posiblemente tamén máis da metade das preto de 7.000 persoas que se levaron nese lustro.

Barrié D’Abadie adicouse tamén ó tráfico de armamentos, o chamado “corso”, que se empregaban para a defensa fronte ós corsarios independentistas de diferentes zonas do novo mundo. Tratábase de armas máis tamén de outro tipo de abastecementos necesarios. Porén os negocios de Barrié D’Abadie foron diversos e as súas empresas conseguiron formar unha das familias máis adiñeiradas da cidade.

Escravitude en América / foto Wilfredor CCBy Wikimedia sobre un dibujo en Public Domain

Barrié D’Abadie chegou a alcalde da cidade, membro do Consulado de Comercio e Cónsul Xeral de Prusia en Galicia. Foi tamén condecorado coa Orde de Carlos III, da Lexión de Honra francesa e ca Aguia Encarnada de Prusia. Casaría con Manuela Irene Marchesi, tendo máis de seis fillos e dando lugar a unha das sagas familiares de máis relevancia na cidade.

Unha tenda de sombreiros na actualidade, como a que no seu día puido ter Barrié D’Abadie / foto BettypalmCCBy

Para saber máis: Como obra de referencia sobre o comercio de escravos dende A Coruña pode consultarse o libro de Luis Alonso Álvarez Comercio colonial y crisis del Antiguo régimen en Galicia, 1778-1818.  En internet poden ampliar o tema sobre a Coruña os artigo de Isabel Bugallal e de Rafael Lema. Sobre a biografía de Barrié D’Abadie pode consultarse as entradas da Real Academia de Historia e de Biografías MCN . Sobre a súa faceta como sombreireiro e outros negocios pode consultarse os artigos de Isabel Bugallal e de J.M. Fernández Caamaño.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...