fbpx
Illa do Areoso Guidoiro, na ría da Arousa. A suba do nivel do mar e a presión turística está afectando aos seus restos arqueolóxicos

Guidoiro Areoso, un “caribe do norte de España” en serio perigo polo turismo incontrolado

Tempo de lectura: 3 min.

O illote do Areoso, en Arousa está en serio perigo por mor do turismo, tanto o seu ecosistema como os seus xacementos arqueolóxicos. Así o pon de relevo o Concello de Vilagarcía, pedíndolle á Xunta, quen ten competencias sobre el, que controle o acceso ó illote.

O Concello pídelle ó goberno galego que prohiba o desembarco de persoas no illote sen a autorización de Medio Ambiente, así como que se controle o fondeo de embarcacións e se vixie o furtivismo no lugar. O Concello xa avisou á Xunta en varias ocasións mais non obtivo ningunha resposta.

Illa do Areoso Guidoiro, na ría da Arousa / youtube.com

E é que nos últimos anos, cada verán, o illote énchese de visitas que chegan por mar a través de diferentes tipos de embarcacións, e mesmo, tal e como contamos no seu momento, con vehículos anfibios. O lugar, dunha especial fraxilidade ve cada ano o fondeo de centos de embarcacións, motos de auga estragan os seus fondos. Tamén de visitantes que acceden ó seu ecosistema dunar e os xacementos sen o coñecemento mais básico sobre o lugar.

Un “caribe do norte de España” anunciado nos medios nacionais

Dende o Concello denuncian tamén como durante a corentena o illote tivo visitas de quen se estaba a saltar o confinamento. “O perigo da desaparición do illote vai en aumento, debido á subida do mar polo cambio climático e á perda de substrato nos seus fondos, convertidos nun aparcadoiro de motos e iates, onde parece que todo vale” como declaraba a Concelleira de Medio Ambiente.

Impacto dos turistas nunha das mámoas escavadas de Areoso / foto Jorge Álvarez

Porén a expectación pola illa non fai máis que aumentar, e varios medios nacionais, como o programa de televisión Viajeros Cuatro,  Sportravelling, Tripadvisor, OkDiario ou a sección de Viajes de La Voz de Galicia están a recoller as bondades “paradisíacas” do lugar, sen practicamente informar do fraxilidade do lugar. No programa da televisión nacional así como no xornal de Inda defínese a illa como “o caribe do norte de España”.

En quad polo illote

A vista de isto non é de estrañar que o turismo campe pola illa sen conciencia da fraxilidade do lugar. Así en agosto do ano 2018, pouco antes da reportaxe recollida en La Voz de Galicia, avistouse mesmo un quad circulando sen control polo illote de Areoso, de apenas 600 metros por 20 de ancho.

Un quad na illa do Areoso / illadearousa.com

Un quad na illa do Areoso / foto illadearousa.com

Dende o portal web ailladearousa.com denunciaban o acontecido pedindo que se tomaran medidas urxentes por parte da Xunta, que do mesmo xeito que coa administración local tampouco tiveron resposta. Segundo puido coñecer o noso medio, tratábase dun quad anfibio, do que existen varios matriculados na comarca. Un problema aínda máis grave para o noso patrimonio cultural e natural.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...