fbpx
Dolmen de Moreira, en Toén / Iñaki Osorio-Faro de Vigo

O que leva e trae a pandemia dos incendios: sae á luz un dolmen en Toén

Tempo de lectura: 2 min.

Os curmáns David e Pablo Sabucedo -30 e 28 anos- foron os descubridores do que é, sen dúbida, o dolmen máis importante do Concello de Toén. Un descubrimento que, por desgraza saíu á luz logo do virulento incendio que sufriu a parroquia de Moreiras hai uns días, onde arderon 220 hectáreas.

A denominación toponímica de Medoña para a zona xa daba pistas, pero non foi ata que o lume queimou toda a maleza, que os dous curmáns puideron acceder a este monumento megalítico. Agora tras unha primeira desfeita, os veciños non queren que unha segunda leve por diante un ben que aínda non está catalogado e queren que Patrimonio o meta canto antes no inventario para impedir que a limpeza do monte calcinado ou traballos na zona con maquinaria poidan pór en risco o enclave.

David, que estudou Historia, manifestaba a Faro de Vigo que probablemente se trate da mellor conservada das que hai no concello. “Catro ou cinco persoas sabiamos da súa constancia e a nosa intención é que quede gardada, que se dea a coñecer, que a xente do pobo poida vir e dicir: aquí está o noso pasado, para que en certa medida teñan ese respecto e que non pase o que ocorre en moitas ocasións, que chegue un incendio ou unha talla, veña unha máquina e tire con todo. É parte da nosa historia, debemos coidala“, indicaba.

O lume deixou á vista a coiraza, que se aprecia perfectamente. “Os veciños non ouviran falar disto, só quedaba o topónimo. Buscando, atopamos referencia nun documento do século XII da Catedral de Ourense que falaba de Moreiras e deste lugar, ao que chamaban ‘A lagoa’. Como ten un cono de violación, fai como un pozo. O topónimo non se refire a un humidal, senón a unha mámoa aberta”, explica David, que baralla que a datación pode estar entre o sexto milenio e o 2.000 antes de Cristo. Vía Faro de Vigo.

Pode que che interese...