fbpx
Danos causados polos quads, motos e todoterreos no monte / Asociación Forestal de Galicia

Quads, motos e todoterreos, a nova lacra das paisaxes arqueolóxicas galegas

Tempo de lectura: 2 min.

Xesto inédito en Galicia. Sete comunidades de montes do Porriño, Ponteareas e Salceda puxeronse de acordo para facer un chamamento e loitar contra unha nova praga dos montes galegos: os quads, motos e todoterreos.

Están causando estragos no patrimonio natural e forestal e provocando enormes danos”, apuntan nun comunicado conxunto. Así, denuncian a presenza masiva deste tipo de vehículos nos montes comunais que provocan desfeitas en pistas e no patrimonio natural e arqueolóxico. “É un problema que xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, e, especialmente, nos últimos meses, o aumento de vehículos no monte é exponencial”, advirten os comuneiros.

Debido aos peches perimetrais e, singularmente nesta comarca, á prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección.

A Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que estas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Ademais, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”.

No caso dos problemas que se rexistran en Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, os comuneiros e comuneiras mesmo teñen identificados motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. A raíz dalgunhas das denuncias cursadas, os axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto varias sancións. Aínda así, demandan das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, e das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema.

A AFG PIDE MEDIDAS

De tal calibre é xa a desfeita que comezan a cometer este tipo de vehículos que a Asociación Forestal de Galicia (AFG) tamén acaba de facer unha chamada ás autoridades para que os controlen. “O problema é que moitos circulan coma se se tratase dun circuíto de competición, sen ningún tipo de coidado nin respecto pola contorna. Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre, senón actividades que en ocasións se achegan ó vandalismo”, denuncia esta entidade.

Dende a Asociación Forestal de Galicia constátase que non é a primeira vez que comunidades e propietarios forestais socios se atopan con este problemas nas súas propiedades. “Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso nin autorización, numerosos vehículos alleos á xestión do monte transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais, producindo danos máis que evidentes”, engade.

O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran Lei de Montes. A AFG lembra, ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos

“Os propietarios forestais están dispostos a ofrecer toda a información e colaboración que sexa necesaria para resolver este problema, pero faise imprescindible a sensibilización da cidadanía e a axuda dos organismos oficiais encargados de protexer o patrimonio natural de todos”, indica a Asociación Forestal de Galicia nun comunicado.

Pode que che interese...