fbpx
Mapa do reino suevo na antiga Gallaecia / wikiwand.com

Na procura dos enigmas que aínda rodean o Reino Suevo

Tempo de lectura: 3 min.

O contexto histórico e a cultura material do Reino Suevo en Lugo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica organizadas polo Museo de Lugo, que se celebrarán o 25 de xuño no Pazo de San Marcos. Unha exposición que afondará sobre unha das épocas aínda pouco coñecidas da historia galega e que deixaron unha fonda pegada.

Os suevos chegan á península no ano 409 e fundan no Noroeste peninsular, esencialmente sobre a Gallaecia romana, o primeiro reino medieval de occidente baixo o mando suevo con capital en Bracara Augusta(Braga). Na súa época de máximo esplendor, o seu dominio abarcará a metade occidental de Hispania para concentrarse, posteriormente, en Gallaecia e a franxa setentrional hispánica. O seu establecemento e desenvolvemento non será fácil.

Convivindo inicialmente co Imperio romano, ata a súa desaparición no 476, a existencia do reino suevo, do 409/411 ao 585, verase ensombrecida por continuos conflitos de tipo interno e externo con permanente estado de garda contra outros pobos asentados en Hispania. Ao final, estes problemas acabarán co reino suevo, vixente durante pouco máis dun século e medio, ante o empuxe dos visigodos.

A escaseza das fontes documentais contemporáneas, polo demais moi concisas, así como dos achados arqueolóxicos, con elementos igualmente escasos, aínda que moi singulares, caso de Lucus Augusti, e, polo demais, inmersos nun mar culturalmente hispano romano, dificultan o coñecemento deste período dotándoo de trazos “escuros” e pouco definidos ata a época recente. “Con todo, e de aquí esta xornada, este período merece a súa reivindicación, en canto a que o reino suevo, primeiro reino hispano, xunto co posterior dominio visigodo, supoñen o tránsito da tardo/baixa romanidade ao altomedievo, constituíndo este lapso unha etapa pouco estudada e/ou coñecida”, apuntan desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube

Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube

“Subxectividade” das fontes romanas

A directora do Museo de Lugo explicou que se dedicar a xornada ao Reino Suevo para aproveitar e poñer en valor as pezas desa etapa histórica e tamén para conbruír ao seu coñecemento e recoñecemento xa que, explicou “hai unha escaseza moi profunda de fontes documentais sobre o Reino Suevo na historiografía tradicional, e as que se conservan están moi subxectivizadas pola visión romana”.

“Consideramos que temos que contar a nosa propia historia en función doutras liñas, neste caso da invesgtigación arqueolóxica que se esta está levando a cabo en Galicia desde finais do século pasado, da cultura material ou da numismática e que corrobora que se trata dunha etapa histórica rica e senlleira”, continuou.

Nesta cuestión abondou a catedrática da USC Ana E. Goy Diz, unha das relatoras da xornada, que sinalou “a necesidade histórica e artística de recuperar ese período no que a antiga Gallaecia tivo moito que decir ao resto de Europa. Esa etapa, moi pouco valorada, debe ser estudiada dunha maneira moi especial desde aquí”.

Materiais suevos documentados no castro de Valencia do Sil / Carlos Tejerizo

Exposición

Ademais dos relatorios programados no Pazo de San Marcos, no marco desta actividade, a partir do 21 de xuño, o Museo de Lugo instalará na sección de Arqueoloxía unha exposición divulgativa cunha mostra das pezas custodiados polo centro e datadas entre os s.s. V-VIII no contexto do reinos suevo e visigodo, da invasión árabe e da consolidación do reino asturiano.

Entre as pezas que formarán parte da mostra, inclúense o broche de Baamorto, Monforte, unha praca e dous botóns achados en Penadominga, Quiroga, unha cama de freo de cabalo de Santo Hadrián localizada en Triacastela, unha patena (Sarria) e vestixiios do capitel de Santa María de Mosteiro de Guntín.

A exposición será así unha oportunidade para coñecer “unha cultura material que deriva dunha sociedade complexa e heteroxénea con reminiscencias tardorromanas adaptadas, nalgúns casos, ás tradicións xermánicas, no que xa se constata como un modus vivendi continuista pero con características de seu”, segundo destacan Enrique Alcorta, Mª Ofelia Carnero e Aurelia Balseiro, que colaboran no comisariado da mostra.

Pode que che interese...