fbpx
Navia de Suarna-Pena da Murias / foto Patrimonio dos Ancares

Queres coñecer as pedras con máis lenda das montañas galegas?

Tempo de lectura: 2 min.

As pedras son algo máis ca un mineral: falan e agochan secretos e misterios”. Así o recollen dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, que ven de editar o libro “Pedras con lenda“. O libro está escrito polos integrantes Pilar Carpente Leira, José Ángel Fernández Revaldería e Xabier Moure e publicado pola Deputación Provincial de Lugo, con prólogo do seu presidente.

“Para facer este libro identificamos 1.250 lugares da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, formada polos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, que os nosos antepasados bautizaron cun nome” afirman dende o Colectivo. “No traballo citamos máis de 500. E relacionadas con historias, ritos e tradicións, sempre coas pedras como centro dos relatos, máis de 300”.

Para elo “consultamos distinta documentación, dende a máis antiga, procedente do mosteiro de Penamaior (Becerreá), do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada (Cervantes) e da Casa de Altamira (Navia de Suarna), pasando por preitos, compras, ventas, os Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, a cartografía antiga e actual e, sobre todo, a transmisión oral”, afirman.

Portada do libro / foto Patromonio dos Ancares

Tentar recuperar a enorme riqueza toponímica ó redor das pedras

E é que o obxectivo do libro é precisamente “tentar preservar e recuperar esta enorme riqueza toponímica arredor das pedras e as historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos se foron tecendo ó seu redor”. Porque para os galegos en xeral e os habitante dos Ancares en particular  as pedras son algo máis ca un mineral.

Mais trátase tamén dun patrimonio que se está a perder a un ritmo alarmante. Pois “non é unha esaxeración afirmar que con cada persoa que morre ou abandona o campo, coa apertura dunha nova estrada, pista ou cortalumes, coas plantacións indiscriminadas de árbores alóctonas ou coa galopante despoboación, desaparece unha parte da nosa historia”.

Navia de Suarna-Pena da Murias / foto Patrimonio dos Ancares

De feito, tal e como relatan dende Patrimonio dos Ancares, dos 500 nomes que se achegan no libro, de menos do 25 por cento xa non queda memoria entre a xente. Unha triste realidade que está a facer desaparecer un patrimonio inmaterial de carácter excepcional que, tal e como recordan “de todas e todos depende que esa riqueza non quede relegada ó esquecemento”.

O libro será presentado durante o vindeiro mes de xullo nos tres concellos obxecto do traballo. As tres presentacións serán, o día 3 na Casa da Cultura de Becerreá, o 10 na Casa da Cultura de Cervantes, e o 17 na Casa do Concello de Navia de Suarna. O Colectivo Patrimonio dos Ancares regalará 50 exemplares ós asistentes en cada unha das presentacións.

Pode que che interese...