fbpx
Espectaculares murallas de Penas do Castelo, en Pobra do Brollón / remitida

Saen á luz os primeiros segredos de Penas do Castelo: enormes murallas de seis metros de ancho e complexos foxos

Tempo de lectura: 2 min.

Os traballos arqueolóxicos nas Penas do Castelo xa están dando resultados. As obras de posta en valor deste ben, que comezaron o pasado 23 de agosto na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, descubriron xa unha enorme muralla de seis metros de ancho. A muralla está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.

Os arqueólogos querían dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas. As estimacións dos técnicos eran duns tres metros de ancho de muralla cando planearon a sondaxe, mais ao pouco de comezar a escavar decatáronse que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía. Tras a retirada do derrube, por fin deron coa cara interna resultando nunha muralla de seis metros de ancho.

A cara externa xa foi escavada anteriormente, comprobando que a muralla apousentase directamente sobre a pena, cunha altura de case catro metros de altura conservados, que serían máis no seu momento de uso. Ademais, conserva un zócalo na propia base para axudar a adaptarse á pena sobre a que está.

Resistir a pendente

A muralla está construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforza a estrutura. Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.

Murallas de Penas do Castelo, en Pobra do Brollón / remitida

A muralla é realmente monumental,’ apunta Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. ‘Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación’.

‘Arqueoloxía de aldea’

A campaña, financiada pola Xunta de Galicia, encádrase nun proxecto de ‘arqueoloxía de aldea’, complementado con outras actividades culturais, a recollida da tradición oral da zona ou visitas guiadas que tiveron lugar durante todo o verán.

A época do xacemento de Penas do Castelo é aínda incerta. O rango de datación vai dende a Idade do Ferro ata a alta Idade Media. Precisamente establecer unha datación do xacemento é un dos principais obxectivos da campaña arqueolóxica, mediante toma de mostras que serán analizadas coa técnica do Carbono 14. Outro dos obxectivos é centrarse no estudo da muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional. As novidades do proxecto de Penas do Castelo pódense seguir nos seus perfís de Facebook (@penasdocastelo) e Instagram (@penas_do_castelo).

Pode que che interese...