fbpx
Sepulco antropomorfo dobre atopado en Outeiro de Rei / Xabier Moure

Atopan un sartego antropomorfo dobre preto de onde puido haber un mosteiro altomedieval

Tempo de lectura: 2 min.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitan a Patrimonio da Xunta de Galicia a catalogación dun pouco habitual sartego antropomorfo dobre, unha mámoa e uns petróglifos en Outeiro de Rei. Ningún destes elementos arqueolóxicos aparecen recollidos nas figuras de protección da Xunta de Galicia, e tampouco no planeamento do Concello.

A mámoa saíu á luz durante unha talla de piñeiros na parroquia de Vicinte. Apenas sufriu danos grazas ao encargado de realizar a talla que, cando advertiu que se trataba dun enterramento prehistórico, procedeu con todo o coidado para preservala. Ten unhas medidas de 14 metros de diámetro e unha altura de 0,70 metros. No centro vese un cráter de violación aberto para buscar inexistentes tesouros. A antigüidade aproximada é de 6.000 anos.

Os petróglifos documentámolos nunha carballeira da parroquia de Parada. Na parte alta dunha pena granítica arredondada vense nove cazoletas, catro de 10 centímetros de diámetro e cinco de 5 centímetros de diámetro. Tres das coviñas máis grandes aparecen aliñadas. As persoas que as gravaron semella que elixiron esta pedra porque destacaba sobre as restantes da contorna. Pouco se sabe sobre a función que cumprirían estes motivos, pero é probable que estiveran asociados a algún tipo de ritual.

Petróglifos atopados en Outeiro de Rei / Xabier Moure

Sartego

De moitísimo interese é un sartego antropoide dobre situado, como no caso dos petróglifos, na parroquia de Parada. Dos preto de 200 sepulcros antropomorfos que se conservan na provincia de Lugo, só unha media ducia presentan a característica de acoller dous corpos. Por iso, a pesares da súa rareza, sorprende que estea sen catalogar. Escavado na rocha viva (que hai que diferenciar dos sepulcros exentos ou libres realizados en bloques de pedra previamente cortados), procurouse un espazo que se axustaba ao tamaño dos cadáveres.

A parte escavada mide 1,80 metros de longo, 0,85 metros de ancho na parte dos ombreiros, e 0,66 metros de ancho na parte destinada aos pés; os ocos que acollían as cabezas teñen unhas medidas de 25 por 22 centímetros. A tampa sepulcral ou lauda que o cubría desapareceu. Aínda que a ausencia doutros datos só nos permite facer hipóteses canto á súa cronoloxía, cremos que poden ser de época altomedieval (entre os séculos V e X). De feito, documentos dos anos 747 e 841 (séculos VIII e IX) citan a iglesia de “Sancti Ioannis de Parata” (San Xoán de Parada) que, segundo deixou escrito o etimólogo e sacerdote don Nicandro Ares Vázquez, puído pertencer a un primitivo mosteiro que había nas inmediacións e do que non quedan restos. Tomando como exemplo outros sepulcros dobres, debeu acoller os cadáveres dunha parella.

Pode que che interese...