Cando os monxes de Oseira utilizaron presos republicanos para reformar o mosteiro
O mosteiro de Oseira funcionou como campo de concentración, o mesmo que aconteceu con outros centros relixiosos como os mosteiro de Celanova e Oia ou o colexio dos xesuítas de Camposancos, na Guarda. Segundo os dados fornecidos por Xulio Prada e Domingo Teixeiro, “as opinión máis conservadoras e repetidas falan de que a cifra habitual de reclusos movíase arredor de 200”. Así e todo, e tal e como recolle o xornal Nós Diario, os mesmos autores sinalan que algunhas testemuñas dos propios retidos elevan o número até 700.
O campo de concentración de Oseira orientouse desde a súa orixe á execución das obras de rehabilitación do antigo mosteiro. Malia a que nun primeiro momento empregouse como lugar de confinamento dos presos gobernativos, ao atoparse colapsada a capacidade doutros centros de detención, como a propia prisión provincial ou o mosteiro de Celanova, a partir do mes de agosto de 1936 comezaron a destinarse a Oseira a persoas con coñecementos e experiencia na construción.
A grande maioría dos reclusos ocupáronse como peóns, fóra ou non esta a súa actividade laboral anterior, porén a dirección do campo, en mans dos relixiosos, seleccionou persoas con cualificación profesional, demandando albaneis, canteiros, ferreiros ou carpinteiros.
Un exemplo disto foi Modesto Gallego, presidente da Sociedade agraria de Barbadás e antigo funcionario de obras públicas, destinado á Oseira en novembro de 1936 desde o presidio de Celanova polas “súas capacidades como ferreiro”. Precisamente a función outorgada a este campo de concentración explica que a practica totalidade dos detidos que pasaron por el foran galegos.
A condición de vida dos presos políticos en Oseira non escapou á dureza que caracterizou a estes centros de detención. Se ben a presenza dos monxes do Císter, que rexían de facto o campo de concentración e dirixían as obras de rehabilitación, puido minguar nalgún caso o rigor represivo, outros testemuños da época, neste caso a publicación antifascista Nova Galiza no seu número de setembro de 1937, non dubidou en cualificalo como “un verdadeiro inferno”. Toda reportaxe en Nós Diario.