fbpx

Érase unha vez…a Ofelia aldeá

Tempo de lectura: 6 min.

Unha das obras mais poéticas de Juán Luís, o cadro da Ofelia aldeá é o froito da unión entre a cultura popular galega e algúns dos lenzos mais belos pintados sobre as grandes princesas dos relatos románticos.

Ofelia aldeá. 1922. Juán Luís. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 79 x 167 cm. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid.

Cando o pintor plasmou esta obra en 1922, na arte galega estaban a destacar figuras como Camilo Díaz Baliño. O prerrafelismo está presente por medio de artistas coma eles. No caso desta obra, a súa atmósfera, a forma de interpretar a paisaxe e sobre todo a protagonista evocan os lenzos do século XIX. Certamente Juán Luis empregou a mellor inspiración desas obras no presente lenzo. Na tela está representada unha rapaza que descansa sobre unha constelación de flores. Os seus pes tocan as flores lilas, mentres que a vista se perde entre as montañas vestidas dunha atmosfera azulada. Pero o mais lírico é o seu rostro. Coa súa camisa aberta a vista diríxese ao seu perfil, perfilado sobre o fondo. Os longos cabelos dun loiro cobrizo pérdense entre as margaridas. E cabeza, como tal, repousa os pes dun carballo. Non vai vestida cun grande traxe de gala, senón con roupas sinxelas: unha saia cor castaña e unha blusa branca.

Ofelia. 1852. John Everett Millais. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 76 x 1,12 cm. Tate Britain, Londres.

O artista reforzou esta idea aludindo no marco a que esta rapaza atópase así por “unha mala fada”. Cunha grafía arcaizante quixo enxergar esta pintura nas historias que se contaban nos fogares. A referencia a Ofelia é unha alusión directa a tráxica princesa da obra Hamlet (1602) de William Shakespeare. Co corazón roto, esta personaxe remata coa súa mente perdida ata finalmente adentarse nun río. As correntes a arrastran ata que finalmente morre. Así foi como a representou Millais no seu celebérrimo cadro Ofelia (1852), no cal a escena de teatro lévase ao cadro. Ofelia aparece levada polo río rodeada de flores, o seu vestido arrastrándoa ao fondo e o seu perfil e mans como únicos elementos que aínda deixan entrever unha vida que marcha. A súa influencia en Juán Luis é clara, pois a Ofelia aldeá remite o corpo en horizontal, o detallismo nas flores, a importancia do marco da Natureza e a cuestión do ser humano antes circunstancias adversas. Pero a Ofelia de Juán Luis e diferente da de Millais. O seu aspecto recolle a tradición das heroínas dos contos que, comezando nun inicio humilde, remataban cun destino brillante.

Ofelia. 1867. Julia Margaret Cameron.

A Bela Durminte. (Tamén coñecido como Descansando). 1890. Victor Gabriel Gilbert. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 59,7 x 64,8 cm. Colección privada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mais alá de Millais, a influencia dos prerrafaelitas vese en varios aspectos. O primeiro deles é a forma de representar o perfil. Isto era algo moi habitual nos artistas deste movemento, xa en pintores como en fotógrafos como Julia Margaret Cameron. Esta artista da cámara fixo dúas versións de Ofelia, a mais coñecida de todas é do ano 1867. Na foto a modelo vese co seu forte perfil e unha flor no peito. Moitos outros artistas vitorianos -e que non eran do Prerrafaelismo- entenderon o atractivo desta pose, e así levárona aos seus lenzos. Victor Gabriel Gilbert representou a unha moza cos seus cabelos soltos, mostrando o seu perfil e as mans recollidas nun intre de descanso. Unha imaxe non moi distante do que logo pintou Juán Luís. A modelo do pintor galego responde as rapazas galegas, sendo interpretadas tan belas como as deusas inmortalizadas por Dante Gabriel Rossetti. Isto vese moi claramente na forma de pintar o cabelo, que aparece mesto, ondulado e tan brillante como nas obras deste prerrafaelita.

A lenda de Briar Rose – A pérgola de Rose (tamén chamado “A Bela durminte”). 1871-1873. Edward Burne Jones. Versos de William Morris.Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 61 x 115,6 cm. Museo de Arte de Ponce, Puerto Rico.

A idea de Juán Luis de plasmar unha imaxe coma esta entronca con moitos outros artistas de Europa que plasmaron ciclos inspirados na historia, personaxes e mitos da cultura popular. Cultura dos seus pobos que serviu de estímulo a escritores, artistas, filólogos ou estetas e que prendeu no imaxinario colectivo consolidadas nos traballos destas figuras. A historia da Bela Durminte do Bosque recollida en 1812 polos irmáns Grimm tivo tal efecto en Burne Jones que realizou ata catro lenzos para representar os feitos derradeiros da lenda de Briar Rose entre 1885 e 1890. Estas obras envoltas nun absoluto lirismo evocador, onde queda captado a felicidade polo marabilloso, polo extraordinario que aínda mora nas persoas, serviron de espello para os espectades.

A Bela durminte do Bosque. 1921. John Collier. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 111,7 x 142,2 cm. Colección privada.

Os contos e historias de nenas e rapazas en ambiente humildes pero de orixes aristocráticas, apareceran xa nos lais de María de Francia no século XIII. Estas heroínas tiñan mudanzas de identidade dende bebés, facían viaxes nas que descubrían terras remotas, vivían historias de amor e nos bosques coñecían animais fantásticos e seres míticos que lles descubrían a verdade. Non é de estrañar que dende no século XIX ata a década de 1930 a miúdo se representasen en ambientes medievais. As mulleres aparecen vestidas en ledas e vivas cores, con telas bordadas de flores en habitacións luminosas. Os artistas querían (e conseguírono) plasmar da maneira mais fiel o que existía de realidade e de sublime nestas personaxes femininas e en aquilo que as rodeaba. So así pode entenderse que, sobre todo os pintores, continuaran pintando temas coma estes no século XX. A investidura é, posiblemente, un dos cadros que mellor representa ese desexo. Sen representar un feito histórico concreto, nembargantes é unha imaxe espléndida que segue a fascinar ata actualidade.

A investidura. 1901. Edmund Blair Leighton. Medidas: 144 x 100 cm. Colección privada.

Deste mesmo ambiente é a Ofelia aldeá. A obra de Juán Luis marcou unha pauta respecto o feito de que o artista introduciu esta figura dentro da arte galega. Logo posteriormente sería Luís Seoane quen a representaría en varias obras, volvendo como en 1922 as orixes de Ofelia en Shakespeare. Pero tamén, como se fixera nese intre, o artista plasmouna seguindo a súa propia linguaxe. Inserido dentro dos Renovadores, partícipe da revolución que iniciara Picasso e os cubistas, Seoane mostrou a princesa como un ser abstracto. Ofelia é recoñecible nos ornamentos que luce no seu longo cabelo, o seu rostro ovalado e as súas mans recollidas. Tal vez a súa non sexa a imaxe máxica que fora pintada en 1922. Pero o selo de Juán Luis segue presente na forma na que algo novo a partir do propio emerxe cando o espírito esperta.

Ofelia en Elsinor. 1960. Luís Seoane. Técnica: Xilografía a dúas tintas. Medidas: 56 x 40,5 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.

Escrito por

Historiadora da Arte.