Piden que o Couto Mixto sexa declarado como Territorio Histórico
A Asociación de Amgios do Couto Mixto pediralle á Xunta que declare esta comarca como Territorio Histórico amparándose na nova Lei de Patrimonio Cultural. Tamén lle solicitará aos gobernos español e portugués a dobre nacionalidade para os veciños de Santiago, Rubiás e Meaus, en Galicia, e os pobos portugueses de Cambedo, Soutelinho e Lama de Arcas.A entidade lembra que Lei do Patrimonio Cultural de Galicia aprobada polo Parlamento de Galicia define o territorio como “aquela paraxe natural vinculada a acontecementos ou recordos do pasado” e, polo tanto, pedirá a declaración e inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia o que no seu día foi esta entidade territorial.
Asemade, a Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará que os Concellos de Baltar e Calvos de Randín, que teñen xurisdicións nas parroquias que o integran, aproben senllas mocións que lles serán enviadas para sumárense á declaración de territorio histórico.
Por outra banda reclama a doble nacionalidade para os pobos do Couto Mixto e outros dous na raia portuguesa. Esta medida xa se aprobou en xaneiro de 1915 para os veciños do concello extremeño de Olivenza, despois de que a asociación “Além Guadiana”, procurase tal privilexio polo recoñecemento histórico dunha entidade territorial que ata 1801 foi portuguesa.
Tendo en conta que as vicisitudes históricas son semellantes á dos “pobos promíscuos”, Cambedo, Sotelinho e Lamadarcos, que ata a Lei de Límites de 1868 foran galegas, e o Couto Mixto un territorio independente baixo a tutela das Casas de Bragança e Monterrei, a Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará dos gobernos portugués e español idéntico tratamento.
Xuíces Honorarios
Esta asociación, nunha sesión celebrada o pasado día 9, acordou tamén celebrar o día 2 de xullo o tradicional acto de nomeamento dos Xuíces Honorarios na igrexa de Santiago de Rubiás á Eurocidade Tui-Valença, 2nafronteira –dúo musical composto por Carme Penim e Maurizio Polsinelli e a Asociación Galego-Portuguesa de profesores pola paz.
Finalmente, acordou render unha homenaxe aos homes e mulleres das Irmandades da Fala que no seu ideario contemplaron a realidade histórica, xeográfica e cultura dos pobos arraianos, para que chegaron a pedir que os seus cidadáns puidesen transitar a fronteira sen necesidade de pasaportes.