fbpx
Hórreos de Combarro / foto magicboiroCC0

“Cambio o vendo hórreo gallego por furgoneta estilo c15, Berlingo”… Así se venden os hórreos galegos

Tempo de lectura: 4 min.

Tes unha furgoneta C15 ou 3.000€ e queres decorar a túa casa rústica cun auténtico Ben de Interese Cultural?. Pois con botar unha ollada á web Milanuncios ou a outras semellantes podes facerte dun xeito bastante sinxelo cun deles. Iso si, procura que non se entere a Dirección Xeral de Patrimonio pois pode non gustarlle excesivamente a idea. E é que, por inverosímil que pareza, unha ollada a esta web de anuncios ou a outras similares pode revelarnos un mercado completamente ilegal de pezas do patrimonio galego ó alcance da man para calquera. Unha venta, na meirande parte dos casos, por parte de particulares que pretenden facer negocio a conta da herdanza cultural dos seus pais e avós.

E é que tal e como recolle a lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia todos os hórreos históricos de xeito xenérico son Ben de Interese Cultural (BIC), é dicir a máxima protección establecida para un ben do patrimonio galego. Segundo esta lei, e a anterior 8/95 de 30 de outubro, e en base ó decreto 449/1973 de 22 de febreiro herdado por estas, todo hórreo, cabaceira, piorno, cabazo ou como queiramos chamarlle, de certa antigüidade é BIC, contando con protección integral así como un entorno de protección que a actual lei no seu artigo 38 establece en 20 metros. Por tanto os hórreos non se poden vender, nin mover, nin desprazar, nin modificar, nin construír ó seu redor sen unha autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio e so en casos excepcionais. De feito, o rexedor de Cabana está denunciado por mover un hórreo de sitio, tal e como xa publicou este portal de información.

Imaxe de parte dun hórreo en Milanuncios

Mais por desgraza, por puro descoñecemento na maioría dos casos, os hórreos seguen sendo obxecto de comercio. Polo xeral por unha falsa idea de propiedade e de falta de sensibilización co patrimonio etnográfico de Galicia, xa que outros elementos que historicamente compuxeron unha casa tradicional, coma valados, fornos, pombais, muíños, colmeas, galpóns, ou a propia vivenda, desgraciadamente non contan con protección algunha, salvo a que lle conceda en concreto cada planeamento local. Porén os hórreos, a pesares de contar coa máxima protección, seguen a ser tratados por moitos galegos coma un obxecto co que comerciar, e estanse a converter en moitas ocasións nun obxecto decorativo de casas e chalés.

De 1.200€ a unha furgoneta a cambio dun hórreo, ou porque “urxe xardín”

Semella unha broma pero non o é. As webs de compravenda de obxectos usados, e os portales de anuncios nos dan conta, a pesares do delito flagrante contra o patrimonio, de múltiples casos de anuncios de venta de fragmentos ou hórreos completos. Algúns dos exemplos son especialmente singulares, nalgúns deles xa se ven exemplos posiblemente constitutivos de delito. Anuncios como “véndese hórreo galego tallado a man coa estrutura de pedra completa e desmontado” aparecen frecuentemente nesta web por prezos que habitualmente roldan os 3.000 ou 4.000€. Outros exemplos serían do tipo “véndese hórreo de pedra actualmente desmontado, preguntar sen compromiso, prezo negociable” aparecen tamén. Os prezos, segundo puidemos comprobar, van dende os 1.200 euros ata os 12.000.

Tamén aparecen anuncios de partes deles como “véndese hórreo galego, fáltalle unha pedra ou anuncios nos que directamente se comentan os propios motivos vendo hórreo completo coma o da foto, (…) urxe xardín. Perfecto para casas de campo fincas ou chalés”. Nalgúns casos non so se detallan cuestións coma as dimensións “hórreo galego de cinco claros ou de cantería de dous metros de longo por un de ancho”, senón tamén a antigüidade, co que os vendedores xa nos están din no seu anuncio sería constitutivo de delito ou non, por exemplo “hórreo actualmente desmontado de 100 anos de antigüidade” ou “en perfecto estado, data de construción aproximada 1930”.

Hórreos á venta na web Milanuncios

Outros casos singulares non teñen que ver coa antigüidade nin coa forma do cabazo, senón coas particularidades ou o baixo prezo que terían algúns deles para quenes os anuncian. Pudendo ser ou non delito, chaman a atención anuncios como “cambio ou vendo hórreo galego por furgoneta estilo c15, Berlingo… ou coche non pequeno (…) posibilidade de facer orzamento de traslado e montaxe en destino (…) prezo negociable”. De non contar cunha Berlingo podes adquirilo e montalo na túa finca dende 2.000 euros tal e como publicaba un particular neste portal fai 4 días, sen dúbida unha oportunidade salientable para facerte por poucos cartos cun posible Ben de Interese Cultural.

Imaxe dun hórreo dentro dun anuncio

Pode que che interese...