fbpx
A Terraza de Sada, interior / foto José Antonio Alonso Wikimedia

A Terraza de Sada, unha das xoias do modernismo de Galicia, será BIC 40 anos despois

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado luns 16 de abril publicábase no DOG n.73 de 2018 a resolución pola que se incoa expediente de declaración como Ben de Interese Cultural, a categoría máis alta da lexislación galega, o extraordinario edificio da Terraza de Sada. A incoación, ó amparo da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, é o paso previo para dotalo desta protección. Mais coa incoación esta protección faise xa efectiva de feito dende o propio día 16 pois así o recolle a lei, de xeito cautelar ata a inclusión do ben na listaxe de BICs de Galicia, na que entrará na categoría de monumento.

A Terraza de Sada, planta / imaxe Universidade da Coruña

Segundo o documento de incoación a “Terraza de Sada evidencia por completo, e despois dos anos da súa construción como unha arquitectura inicialmente con carácter efémero, os principios recoñecibles do seu estilo”. Dise que tanto polo seu valor “arquitectónico de forma” como “pola calidade do seu proxecto, espacial e construtivo, así como pola  súa singularidade estética e a súa representatividade tipolóxica” merece a incoarse o procedemento para declarala BIC. Ademais destaca que a Terraza posúe ademais, como non podía ser doutro xeito “unha dimensión social significativa”.

Un expediente que se demorou  40 anos

Explícase ademais no preámbulo da incoacion un máis que atípico suceso. Xa que “os procedementos para o recoñecemento do seu valor remóntanse a máis de 40 anos“. Pois no ano 1975 o “expediente incoado tramitouse segundo a Lei de Patrimonio Nacional do 13 de maio de 1933, que, no seu artigo 14, indicaba que a declaración (…) requiriría a aprobación por decreto despois do informe favorable e razoado dalgún dos órganos consultivos mencionados”. Mais aquela declaración nunca chegou xa que naquel ano se opuxeron tanto o Concello de Sada como a Deputación Provincial da Coruña principalmente polo elevado custo económico da súa restauración, xa que consideraban que estaba en estado de ruína.

A Terraza, Sada, fachada dianteira / foto Xoacas CCby Wikimedia

Mais a construción aguantou e perviviu ata hoxe, a pesares de estar feita de madeira e ferro e estar á beira do mar. En 1982 volveuse a tramitar a declaración de monumento xa co apoio do Concello de Sada que tiña a “intención de procurar a súa posta á disposición para usos ´públicos, creativos e recreacionais´, sempre que contase co patrocinio do Ministerio”, mais neste caso foi o Ministerio quen non o levou adiante. En 1994 foi a Xunta a que tratou de declaralo, comezando os estudios pertinentes, que tampouco foron rematados. Finalmente en 2011 o Concello de Sada insta de novo á Xunta a declaralo, aprobando en 2017 o seu Plan Xeral deixando finalmente sen argumentos ó goberno galego, que finalmente incoa expediente.

Un dos mellores edificios modernistas de toda Galicia

En 1912 o arquitecto coruñés Antonio López creaba para o antigo Paseo do Recheo da Coruña, actual Cantón Pequeno, un dos edificios máis singulares do modernismo galego. O edificio, que substituiría a uns antigos quioscos de bebidas, sería levantado en ferro e madeira no que de aquela fora un espazo de gañado ó mar ó pé do propio porto, un grupo de xardíns e paseos arborados que serían o precedente dos actuais xardíns de Méndez Núñez, sen dúbida un dos proxectos urbanísticos máis significativos da Coruña de finais do XIX. O obxectivo, crear un espazo de recreo e un café para a xente da cidade moi preto do mar.

A Terraza de Sada, alzado / imaxe Universidade da Coruña

A estrutura, nun primeiro momento dunha so andar e uns vinte metros de fachada, sería ampliado no ano 1919 con escaleiras exteriores, un andar superior e alongado ata arredor dos trinta metros. Mais tan so un ano máis tarde en 1920 decidiuse desmontar o edificio e levalo á veciña vila de Sada, e construír no seu lugar o edificio da radio pública, que aínda se conserva á beira do famoso Quiosco Alfonso. De novo se lle engadiu un semisoto, engadíuselle un corpo posterior para cociñas e levouse ó interior a escaleira.

A Terraza é sen dúbida un dos edificios de estilo modernista máis extraordinarios de Galicia, xa que é o edificio de Galicia que funciona dun xeito máis fiel ós valores do estilo nado a finais do século XIX en París. Isto é sobre todo polo perfecto encaixe entre elementos estruturais e elementos decorativos. Cunha estrutura sustentante de fachada de madeira tan so cuberto por fiestras de vidro de cores e elementos de soporte de ferro dunha extraordinaria decoración orgánica curvada, incluídas as cerchas metálicas do teito. Déixase así o interior completamente libre e aberto, a xeito de invernadoiro, rodeado pola sensacional decoración e a excelente luz matizada.

 

 

Pode que che interese...