fbpx
Petróglifo atopado en Daquelcabo, no Concello de Lugo / Xabier Moure

Aparecen novas insculturas no Concello de Lugo

Tempo de lectura: < 1 min.

Un afloramento granítico con 21 coviñas foi descuberto recentemente polo activista cultural Xabier Moure. Atópase no núcleo protexido Daquelcabo, parroquia de Bascuas, no Concello de Lugo.

Os petróglifos están situados nunha finca particular próxima á capela da Concepción e do Camiño Primitivo a Santiago e foron localizados a mediados deste mes. As 21 coviñas están insculpidas na parte superior e lisa da rocha, cun diámetro que oscila entre os cinco e os sete centímetros.

Sitúanse entre dúas grandes pías escavadas na rocha. “Posiblemente houbo máis gravuras pero gran parte da pena foi partida, posiblemente para a extracción de pedra. Outra parte está tapada con terra e maleza polo que non podemos desbotar a presenza de máis gravados”, apunta Moure.

Segundo suliña, este grupo é o primeiro localizado na parte este do concello, os restantes catro grupos atópanse na parte oeste, nas parroquias de Adai, Bacurín, Camoira e Orbazai. O achado xa foi posto en coñecemento do Concello de Lugo e do Servizo do Patrimonio Cultural.

Pode que che interese...