Así comezará a verse unha nova rolda da Muralla moito máis peonil
“No 2020 habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ó monumento. E este ano damos un paso máis no proxecto global de humanización da Muralla que levamos aplicando desde a nosa chegada ao goberno”.
Isto era o que afirmaba na presentación do proxecto Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo. E é, precisamente que durante a desescalada da corentena o Concello decidiu crear novas zonas peonís na rolda da Muralla de Lugo para que a xente da cidade puidera pasear mantendo a distancia de seguridade.
Máis tarde a alcaldesa Lara Méndez prometía ir convertendo progresivamente en peonís dun xeito definitivo estes espazos gañados ó tráfico. Agora o Concello presenta o primeiro proxecto de reforma destes espazos, un dos ata ese momento máis estreitos, o percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, na zona leste da muralla.

Infografia da rolda da Muralla / foto Concello de Lugo
Máis espazo peonil, maior fluidez para o tráfico e unha nova iluminación para a muralla
Segundo Rubén Arroxo esta obra “permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ó punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos” afirmaba o concelleiro.
No lugar retirarase un carril de circulación e no seu canto situarase unha nova beirarrúa peonil de maior tamaño e ampliarase tamén a zona verde que cingue o monumento. En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que “os vehículos contarán con maior fluidez, ó modificarse o cruce da Rolda da Muralla coa rúa Santiago”. Con esta actuación, o cruce pasará de ter un semáforo de 3 tempos a ter preferencia o tráfico que circule pola rolda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.
- Infografia da rolda da Muralla / foto Concello de Lugo
- Infografia da rolda da Muralla / foto Concello de Lugo
- Infografia da rolda da Muralla / foto Concello de Lugo
Tamén se renovará o alumeado coa colocación de 9 postes de iluminación LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá ademais variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, amosando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás o que mellorará a percepción visual da Muralla.
A actuación sairá a licitación cun orzamento base de 575.990,77€, e un prazo de execución de 6 meses. “Unha vez rematen esta actuación e a peonización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, afirmaba Arroxo. Ademais explicaba que “o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonización total da Rolda da Muralla”.