fbpx
A Forneiriña denuncia a situación de abandono dalgúns petróglifos do entorno de Campo Lameiro / A Forneiriña

Piden dimisións pola situación do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Tempo de lectura: 2 min.

O grupo de traballo pola defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA denuncia a utilización mediatica do patrimonio para “tapar a falta dunha política de xestión e protección” de boa parte dos petróglifos ameazados no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, algúns deles danados hai uns meses por maquinaria pesada durante o desbroce do monte.

Estas críticas coinciden co anuncio de inversión de 185.000 euros para este parque, aproveitando o tirón do achado dun novo petróglifo no seu entorno. “Consideramos que parte do custo das reparacións que se anuncian é consecuencia da mala xestión dos responsables da xestión do PAAR, xerente da empresa, director do parque e cargos da Consellería de Cultura con competencia en materia do patrimonio arqueolóxico”, denuncia este colectivo.

A Xunta, “unha ameaza”

Por iso, consideran que a Xunta de Galicia “é unha ameaza certa” para a supervivencia do patrimonio máis vulnerable como é o caso do patrimonio arqueolóxico, por telo sometido a unha “situación de total abandono”. Deste xeito, insiste na esixencia de responsabilidades, dimisións e un cambio na política de protección e xestión do patrimonio ameazado.

Nun comunicado, lembra que o xerente de Espiral Xestión que se fixo cargo do contrato do parque en febreiro de 2012 xa exercía como xefe de mantemento e responsable de administración no organigrama de Ingenia QED, a adxudicataria inicial do concurso público para a explotación do centro.

Desperfectos no petróglifo Chan do Carbón 3, no entorno de Campo Lameiro / A Forneiriña

Desperfectos no petróglifo Chan do Carbón 3, no entorno de Campo Lameiro / A Forneiriña

Asi mesmo, lembra que o art 1 do prego do contrato do parque deixa claro que entre as obrigas da empresa estaban as tarefas de limpeza e mantemento dos 218.720 m 2 da zona arqueolóxica anexa sendo responsables do cumprimento do contrato a empresa o director do parque e os cargos da Conselleria de Cultura. “Non cabe pois achacarlle as choivas o abandono e a falta de coidado que houbera evitado a degradación dos sendeiros do parque salvo que os responsables da Xunta de Galicia traten de xustificar a incompetencia, falta de dilixencia e amiguismo a costa do presuposto publico”, critica esta entidade.

Responsabilidades económicas

Por iso, reitera a esixencia de responsabilidades e explicación sobre a orixe dos cartos para os traballos que agora se anuncian e sobre a incautación da fianza definitiva da empresa Espiral Xestión que se fixo cargo en febreiro de 2012 dun contrato executado nun 20% e para o que depositou unha fianza por importe de 35.656,78 euros para responder dos incumprimentos do contrato. “Consideramos existe unha ameaza para supervivencia de moitos petróglifos e e que non se repararon os danos causados en petróglifos como o recentemente denunciado por este colectivo, o petroglifo do CHAN DO CARBON 3 situado no lugar de Parada parroquia de San Isidro (Campo Lameiro), e tampouco se estableceu ningún plan nin se adoptaron medidas para evitar mais danos”, engade.

Neste sentido, di que non se pode xustificar a inversión de cantidades importantes nun soio petróglifo (8.000 euros) nin o gasto de 21.000 euros na iluminación de tres petróglifos “mentres non resolvamos algo tan perentorio como a xestión da maleza dos moitos situados nos montes nin a sinalización dos existentes para evitar o arraso pola maquinaria pesada nos traballos forestais”.

Pode que che interese...