A Xunta lanza unha web para socializar a paisaxe galega | Historia de Galicia
Ribeira Sacra Paisaxe de Galicia / galiciaunica.es
Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es

A Xunta lanza unha web para socializar a paisaxe galega

Tempo de lectura: 2 min.

O Instituto de Estudios do Territorio lanzou unha aplicación web e móbil que terá entre os seus obxectivos axudar na xestión das paisaxes de Galicia a través da valoración e achega de imaxes dos cidadáns á plataforma, así como permitir a comparación do mesmo espazo en diferentes datas.

A iniciativa propón que sexan os propios cidadáns os que envíen fotografías das paisaxes galegas, georeferenciadas e co valor do espazo. Desta forma, a páxina principal mostrará un mapa que indica a cantidade de imaxes existentes nas diferentes partes da comunidade.

Polo momento, a páxina –www.mapas.xunta.gal– está composta por case 500 imaxes xa empregadas no catálogo de paisaxes de Galicia e que mesturan fotografías actuais e históricas para realizar unha comparativa que permita identificar as transformacións da paisaxe nun mesmo ámbito xeográfico.

A directora xeral do Instituto de Estudios do Territorio, Inés Santé, explicou este venres que a aplicación permitirá “acceder, visualizar e participar” nos espazos naturais de Galicia dende calquera ordenador e dispositivo móbil, o que axudará a crear un repositorio de información “de grande utilidade para a xestión da paisaxe galega”.

Participación

As imaxes pódense enviar tras encher un formulario web no que se debe especificar o título da fotografía, o nome do autor, a localización xeográfica, unha pequena descrición, a data e a valoración do espazo.

Este último factor poderá determinar se a fotografía revela un interese natural, ecolóxico, patrimonial, cultural ou produtivo. Unha vez enchido estes complementos, xerarase un arquivo PDF que se debe enviar coa imaxe no formato sinalado na páxina por correo electrónico a paisaxesdegalicia@xunta.com.

Con este proxecto completarase a ferramenta tamén deseñada polo Instituto de Estudios do Territorio co fin de comparar mapas de diferentes datas dun mesmo lugar para ver os cambios do espazo mediante diferentes métodos de visualización.

Proceso de revisión

Aínda que non existe ningún tipo de límite no número de imaxes que cada cidadán pode achegar á aplicación, as fotografías pasarán por un proceso de supervisión no que se revisará que sexan “apropiadas” e que cumpren cos requisitos esixidos, segundo indicou a directora xeral.

Por outra banda, Santé tamén asegurou que esta participación permitirá identificar as áreas de principal interese para fomentar o coidado daqueles espazos que o necesiten e caracterizar os contidos das paisaxes das diferentes zonas de Galicia.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: