fbpx
Festa do Rei Sol no castro de Cano dos Mouros, en Viladesuso, Oia

Unha festa ao Rei Sol para poñer en valor un castro

Tempo de lectura: 2 min.

A Festa do Rei Sol toma o seu nome dunha lenda que conta como cada día se sentaba o Rei Sol ao pé do castro de Cano dos Mouros a contemplar o solpor. Isto é precisamente o que farán os veciños de Viladesuso (Oia) por segundo ano consecutivo, coa diferenza de que nesta edición faise especial fincapé en recuperar a tradición oral vinculada ao lugar. A proposta ‘Contos no Castro’ nace para encher de lendas o castro de Cano dos Mouros, situado nesta parroquia oiense.

O evento arrancará a partir das 17:30 horas. A primeira fita será ás 18:00h cunha visita guiada ao castro na que xa se invocará ao Rei Sol. A partir de aí sucederanse actuacións do grupo de teatro de Mougás e o grupo ‘O Mellor de Cada Casa’. Para as súas intervencións traballaron coa actriz Soledad Felloza para adaptar as mitoloxías da Gallaecia antiga recollidas no libro Vento e Chuvia, de Manuel Gago.

Co solpor a programación porase en pausa para contemplar o maior espectáculo que nos da a natureza: a propia posta de sol. Todo aderezo é prescindible; tan só se acompañará ese máxico momento coa música de A Fiada de Viladesuso.

Unha vez que se mergulla o sol no océano, o evento culminarase coa actuación estelar de Avelino González. O actor vigués – coñecido por encarnar o personaxe de Miñato na serie da TVG Padre Casares – fará un espectáculo de narración oral preparado especificamente para este día, no que se recollen algunhas lendas e contos locais. Ademais, este espectáculo nocturno irá acompañado de iluminación e son deseñado especialmente para a ocasión por Limiar Teatro.

Ademais de moito teatro, a Festa do Rei Sol estará amenizada coa música tradicional de A Fiada de Viladesuso. Tamén haberá postos de comida e bebida, incluído unha billa de cervexa artesá ‘Rei Sol’, elaborada por Trisk-Ale.

A Festa do Rei Sol está organizada polo Concello de Oia coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a participación da Comunidade de Montes de Viladesuso e a Asociación de Veciños de Viladesuso. O evento englóbase na estratexia da Asociación Costa dos Castros por dinamizar Oia a través da xestión do patrimonio. Para máis información: www.costadoscastros.com.

Pode que che interese...