fbpx
Pintada con símbolos de Harry Potter no dolmen da Casa dos Mouros, en Vigo / Atlas

As outras animaladas contra o noso patrimonio logo da pintada de Harry Potter

Tempo de lectura: 3 min.

A aparición dun grafiti no dolmen de Casa dos Mouros, en Vigo, non é a única animalada que ten sufrido o noso patrimonio. As pintadas con simbolos de Harry Potter nun dos monumentos megalíticos máis grande de toda a provincia de Pontevedra, con máis de 4.000 anos de antigüidade, é a última mostra da pouca sensibilidade que algúns demostran contra os monumentos históricos do país.

Pintada nunha igrexa / FB Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe

Pintada nunha igrexa / FB Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe

E é que este tipo de actos vandálicos suceden de cando en vez en todo tipo de bens; dolmentes, petróglifos, castros, esculturas ou fachadas de edificios históricos. E iso que o autor ou autores poden enfrontarse a multas de ate 150.000 euros… Iso sempre que os collan, que é nunca ou case nunca, por desgraza.

Así, desde o FB de ‘Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe‘ denuncian que o caso da Casa dos Mouros xa se repetiu nunha igrexa e nunha escultura de Vigo e apuntan ás semellanzas das inscripcións nos tres casos.

Petróglifos

A xeografía galega está inzada deste tipo de actos vandálicos e, afectan, a miúdo, aos petróglifos, ben de xeito intencionado ou ben por descoñecemento para tentar facer visible os surcos das inscripcións. Así, en 2015, os petróglifos dos Mouchos, na parroquia rianxeira de Leiro, apareceron pintados de cor branca. As pintadas realizadas, que foron numerosas, tiñan, na súa maioría a forma dunha palma da man. O concello puxo en coñecemento do Seprona o acontecido pero non deron cos autores.

Pintada nos petróglifos dos Mouchos,en Rianxo / LVG

Pintada nos petróglifos dos Mouchos,en Rianxo / LVG

En 2013 outro acto semellante aconteceu en Ames. Entón era Ames Novo o que denunciaba que outro conxunto de petróglifos,na parroquia amiense de Ortoño, preto de Bertamiráns, sufrían graves actos vandálicos. Este conxunto, que xa sufrira danos pola construción da autovía a Noia, tamén foi afectado pola práctica de motocrós. Unha práctica moi agresiva que tamén ten danado outros bens.

Pintada no castelo de Penafiel, no Monte Pindo / Galicia Confidencial

Pintada no castelo de Penafiel, no Monte Pindo / Galicia Confidencial

Tamén os castelos, neste caso o de Penafiel, no Monte Pindo sufriu outra agresión semellante. En 2011 a súa famosa inscripción de excomuñón foi manchada con pintura fosforescente, o que danou significativamente esta epigrafía. A Asociación Monte Pindo Parque Natural denunciou entón que o autor dos feitos mesmos deixou rexistrado o seu nome a xeito de sinatura noutra das pedras da fortaleza. Unha agresión que se suman as numerosas pintadas e incisións feitas na rocha da Moa, o punto máis elevado do Monte Pindo.

Monumentos

Pero este tipo de animaladas contra o patrimonio soen ser comúns nos monumentos e fachadas. Exemplos hai a dúcias. O máis recente, unha pintada sobre o Monumento ao Soldado Descoñecido, en Pontevedra, o pasado outubro, que tinguiu de vermello a obra. As pintadas non só foron realizadas no monumento, senón tamén noutras superficies próximas.

monumento_vitimas_franquistas

E un dos máis sonados, polo seu significado, foi a pintada con motivos fascistas que apareceu en decembro de 2014 no monumento ás vítimas do franquismo existente na Cruz da Maceira, en Marín.

Esta é unha moi pequena mostra das agresións que sofre moi habitualmente o noso patrimonio. Se sabes de algún outro caso importante, fainolo saber a través do correo redaccion@historiadegalicia.gal

Fontes:

Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe
Galicia Confidencial
Patrimonio Galego
La Voz de Galicia
Faro de Vigo
El País

Pode que che interese...