fbpx
Unha imaxe do Poder do arcabuz, un musical sobre a revolta Irmandiña

Un musical escenifica a revolta Irmandiña

Tempo de lectura: 2 min.

A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional “Xacarandaina” xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. “O Poder do Arcabuz” fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña.

Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.

A obra poderá verse ás 20.00 horas en Narón no Pazo da Cultura ao prezo xeral de 9,50 euros (6, 65€ prezo reducido para xubilados, estudantes e mozos). O espectáculo “é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo”, explica Peón, “trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas”.

 

Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. Hai que lembrar que a Revolución Irmandiña foi a maior revolta europea do século XV, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían a primeira arma que usaba a pólvora: o arcabuz.

A danza e o baile tradicional galego serán o elemento principal do espectáculo, a linguaxe de cohesión de todo. Na obra amosaranse diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis, de dongas e galáns…), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán até os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.

Entradas en https://www.padroadodecultura.es/es/espectaculos/evento/o-poder-do-arcabuz

Pode que che interese...