fbpx

A arquitectura local tamén é musealizable

Tempo de lectura: < 1 min.

O Consello da Xunta acordou a cesión ao Concello de Mondoñedo dun inmoble para a súa recuperación, co obxectivo de que acolla un centro de divulgación da arquitectura mindoniense e dos programas de axudas en materia de rehabilitación de vivendas na vila. Trátase dun inmoble propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo situado na rúa Matadoiro, 1, que non reúne as condicións para ser destinado a vivenda.

O inmoble será destinado polo Concello de Mondoñedo á realización das actividades relacionadas coa conservación do patrimonio cultural e da difusión dos valores da arquitectura mindoniense. Neste espazo tamén se promoverán actuacións de rehabilitación de vivendas, a mellora da calidade das edificacións e a realización de accións de formación de técnicos e axentes que interveñen neste sector.

Ademais, a Xunta cofinanciará a rehabilitación do inmoble a través dunha subvención a fondo perdido, concedida ao concello de Mondoñedo, por importe de 42.000 euros.
Pola súa parte, o Concello comprometerase a executar as obras de rehabilitación do inmoble que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento das actividades referidas no prazo máximo dun ano.

Nun comunidado, a Xunta lembra que, a través do Programa Rexurbe, promoverá a recuperación dos cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas mediante a adquisición e rehabilitación de edificios degradados, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento económico e social nestes núcleos.

Pode que che interese...