Santa Catalina de Montefaro, en Ares, outro mosteiro galego que morre de abandono
Moi preto do Castelo da Palma, en Ares, atópase outra xoia medieval de Ferrolterra. É o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, que leva anos agardando por un plan director que rehabilite este cenobio fundado en 1393.
O mosteiro ten unha orixe románica pero sufriu grandes modificacións ao longo da historia. A máis grande foi no século XVIII coa construción dunha nova igrexa barroca. Conta con dous claustros, un deles renacentista. En 2002 pasou a ser propiedade do Concello.

Acroteira da igrexa do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares / Galipedia
Nos seus mellores tempos o mosteiro chegou a ter 30 relixiosos que se viron reducidos a só 8 despois da exclaustración de 1836. Un ano despois, coa desamortización os franciscanos desapareceron definitivamente do convento. Posteriormente foi ocupado por militares, que construíron novas dependencias.
Precisamente, para evitar aínda máis a súa deterioración, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, ‘Mini’, reclamou “a posta en marcha, de maneira urxente” do plan director do mosteiro que, segundo dixo, “gardouse nun caixón, cando chegou o PP ao goberno municipal quen evidenciou a súa falta de compromiso político e económico”.
Ademais, Mini denunciou “o evidente abandono de responsabilidades” da Xunta no que incumbe a este conxunto, pois leva “nove anos mirando para outro lado”. “E (o PP) rexeitou en numerosas ocasións os investimentos propostos desde o BNG”, insistiu.
Imposicións do Ministerio de Defensa
Tamén o portavoz do BNG en Ares, Emilio Mesías, criticou “as condicións inxustas” que o Ministerio de Defensa “impón” ao Concello “en virtude dun acordo de cesión de uso que obriga ao goberno local a manter unhas instalacións que poden reverter en Defensa cando as reclame, sen posibilidade de demandar indemnización ningunha”.
Por iso, demandou “a inmediata constitución dun ente interadministrativo no que participen o Concello, a Xunta e o Goberno” para definir “as actuacións prioritarias a desenvolver partindo do plan director e os investimentos económicos necesarios, ademais de prazos para desenvolvelas”.