fbpx
Mapa de poboamentos estudados por Félix González e que irían desde o Neolítico ata o Bronce Final

Como foi a fortificación dos poboados galegos desde o quinto ao primeiro milenio A.C.

Tempo de lectura: 4 min.

Trazar unha evolución do funcionamento das sociedades do noroeste ibérico na Prehistoria Recente, desde a aparición das primeiras sociedades agrarias ao xurdimento do poboamento fortificado. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento recentemente presentada na Facultade de Historia do campus de Ourense polo investigador Félix González. Un traballo no que analiza os cambios nas sociedades e como se expresaron na paisaxe, a través da complexidade e fortificación dos seus poboados, e que recolle tres grandes transformacións na Prehistoria de Galicia.

Para levar a cabo a súa tese, Félix González centrou o seu interese en tres zonas de estudo, como son a península do Morrazo, a comarca de Santiago e a rexión do val do río Támega. Entre as conclusións extraídas, o historiador destaca que se observa como “de sociedades moi simples preocupadas por cuestións produtivas transítase, a mediados do terceiro milenio antes de Cristo, a sociedades máis complexas nas que aumenta a conflitividade e por tanto o emprazamento está máis relacionado con cuestións defensivas ou estratéxicas”.

A tese levou por título Paisaxe doméstica e complexidade social na Prehistoria Recente do noroeste ibérico e foi dirixida por César Parcero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e Beatriz Comendador, docente da Universidade de Vigo. “A tese tivo como obxectivo o estudo da organización social das primeiras sociedades agrarias do noroeste ibérico, desde comezos do quinto milenio a principios do primeiro milenio a.C. O estudo fíxose a partir da análise paisaxística dos asentamentos da época, tratando de pescudar cales eran os lugares elixidos para o emprazamento e por que”, explica o investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.

Un dos asentamentos analizados no estudo de Félix González

O interese da Prehistoria Recente, sinala González Insua, radica en ser un ciclo histórico caracterizado polo xurdimento e consolidación das sociedades produtoras de alimentos cun modelo de hábitat baseado nas aldeas abertas, que no noroeste da Península Ibérica se iniciou a comezos do quinto milenio coas primeiras testemuñas de antropización do medio e finalizou nas primeiras centurias do primeiro milenio, cando se xeralizou o poboamento fortificado. Para abordar o estudo deste período, o investigador apunta que recorreu á arqueoloxía da paisaxe, estudando en profundidade a dimensión económica e sociopolítica das paisaxes da Prehistoria Recente do noroeste ibérico. Para tentar determinar as estratexias de ocupación do espazo realizou unha análise locacional a través dun sistema de información xeográfica e analizou factores que puideron ser relevantes para as sociedades da época relacionados coas condicións de visibilidade, accesibilidade e mobilidade.

Dúas transformacións e unha ruptura

Como principais conclusións da investigación levada a cabo, Félix González destaca que nese longo período da historia pódense detectar dúas importantes transformacións e unha ruptura na forma de organización social. “De sociedades moi simples preocupadas por cuestións produtivas transítase, a mediados do terceiro milenio, a sociedades máis complexas nas que aumenta a conflitividade e por tanto o emprazamento está máis relacionado con cuestións defensivas ou estratéxicas”, explica. O cambio máis brusco nas formas de organización social, engade, “parece producirse a mediados do segundo milenio, momento no que as comunidades deixan de ser igualitarias, e xorden as diferenzas sociais e e aparecen por primeira vez no noroeste de sociedades complexas”.

Desde o xurdimento das primeiras sociedades agrarias que inauguran o inicio da Prehistoria Recente, a primeira transformación “de calado”, detalla o investigador, produciríase na transición entre o cuarto e o terceiro milenio, co tránsito do Neolítico Inicial/Medio ao Neolítico Final. “Nese momento prodúcese un importante cambio nas formas de vida dos grupos humanos, que adquiren unha nova dimensión con evidentes consecuencias sobre as relacións sociais. Con todo, os principios estruturadores da sociedade mantéñense, e entran en funcionamento unha serie de mecanismos de resistencia que contribúen a que a desigualdade non se estenda, debuxando un escenario de comunidades basicamente igualitarias”, sinala o xa doutor.

Cadea de bronce atopada nas escavacións de San Cibrao de Las / pacc.es

A segunda transformación

A mediados do terceiro milenio, co inicio do Bronce Inicial, engade González, prodúcese a segunda das transformacións de importancia. Segundo explica, “entra en xogo un novo universo simbólico baseado en valores heroicos que desemboca nun notable incremento da complexidade social no que a obtención de prestixio por parte de líderes incipientes é unha constante en todos os ámbitos da vida social”. Con todo, recalca, “a natureza do poder continúa sendo fundamentalmente a mesma. É dicir, aínda que existen importantes impulsos cara á división social, estes aínda son contrarrestados de maneira efectiva polas estratexias de resistencia encargadas de neutralizalos, e mantense a desigualdade social por baixo dos limiares que representarían a ruptura da sociedade primitiva”.

Por último, na tese cualifícase de ruptura a terceira das transformacións, “aquela que sucede a mediados do segundo milenio e que marca a transición entre o Bronce Inicial e o Bronce Final”. Nese momento, detalla o investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, prodúcese “unha profunda transformación que supón un cambio radical coa etapa precedente, tanto a nivel da realidade material como da ideacional”.

Ademais, engade, por primeira vez na Prehistoria Recente, todos os mecanismos de resistencia que entraran en funcionamento en etapas anteriores parecen estar desactivadas. “Por iso se expón a hipótese de que é neste momento cando os impulsos cara á división social conseguirían traspasar o limiar que define unha sociedade como primitiva, transformarían a natureza do poder e provocarían a disolución do modelo de organización social precedente, dando lugar a un novo tipo de sociedade na que o poder político, en mans dunha nova elite guerreira, estaría separado do conxunto da sociedade”.

Pode que che interese...