“Delinquir na Xunta non sae barato”, di Feijóo sobre a sentenza da Operación Retablo
Perderon o traballo e terán que afrontar multas. Ese foi o principal argumento esgrimido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para defender a sentenza do caso Retablo que inhabilitou a dous funcionarios públicos e condenounos a multas tras chegar a un acordo coa Fiscalía. Unha sentenza que foi cualificada de “tibia” por fontes do sector.
“Delinquir na Xunta non sae barato”, dixo o presidente galego ao subliñar que os funcionarios perderon o seu posto de traballo –foron inhabilitados uns anos–. “Calquera irregularidade porémola sempre en coñecemento da Fiscalía”, indicou. Sobre as penas aos acusados e o acordo dos servizos xurídicos da Xunta cos seus avogados, Feijóo dixo que “haberá unha motivación” para que se chegase a ese acordo.
Seis condenados
Na Operación Retablo foron condenadas seis persoas pero ningunha delas irá a prisión por ser as penas inferiores a dous anos de prisión. O principal imputado, un extécnico da Xunta, C.G.G., aceptou dous anos de cárcere, a inhabilitación por seis anos para o exercicio de emprego ou cargo público, así como unha multa de 2.190 euros e o embargo doutros 103.350 euros por un delito de suborno na restauración de bens da Igrexa en Galicia.
Este acusado traballou como empregado público para a Consellería de Cultura entre os anos 2004 e 2009 e era o encargado de informar dos proxectos de restauración de inmobles eclesiásticos para que se adecuasen ás técnicas de restauración e fosen realizados por profesionais cualificados.
A maiores deste extécnico, acordaron penas inferiores por esta causa outras cinco persoas. Entre eles, un arquitecto da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, con identidade J.M.P.P. que aceptou unha multa de algo máis de 700 euros –seis euros ao día durante catro meses– por outro delito de suborno.
Ademais, aceptaron condenas dun ano de cárcere e multas de 1.000 euros os responsables de tres empresas que, segundo o Ministerio público, actuaban de “común acordo” co principal acusado. En concreto, os acusados son O.Q.L, da entidade CBC; D.D.M, da empresa Alquimia; así como C.A.R, de Ábside.