fbpx
Mosteiro de Santa María de Penamaior, en Becerreá / http://www.xoanarcodavella.com/

Santa María de Penamaior, o mosteiro que oculta cabaleiros templarios e instrumentos de tortura

Tempo de lectura: 4 min.

Pouco se sabe do misterioso mosteiro de Santa María de Penamaior, ou o “Convento” como se coñece a este cenobio erixido nas abas da Serra do Pico, en Becerreá. Del hai poucos documentos, pero moitas historias e lendas que o relacionan coa Orde do Temple e mesmo con prácticas de tortura xa que se atopou entre os seus muros algunha técnica de tortura medieval.

Sobre a data de fundación existen varias opinións, crese que no sitio houbo outro cenobio bieito anterior ao cisterciense. Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo no século XIX, inclúese un pequeno texto dun monxe anónimo de Penamaior que di que en tempos de Vermudo II O Gotoso (a mediados do século X), cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, que se instalaron onde logo se levantou o mosteiro.

Chegou a reunir a finais do século XIII numerosas propiedades. Mesmo o abade tiña ao seu servizo dous “escudeyros do abade” que se chamaban García Pérez e Miguel Pérez (Villa-Amil y Castro na Ilustración Gallega y Asturiana, 1880, baixo o título Cuatro noticias sueltas del antiguo monasterio cisterciense de Penamayor).

Ábsida do mosteiro de Santa María de Penamaior / Patrimonio dos Ancares

Dise que era o único mosteiro que non dependía directamente da abadía francesa do Císter. Das antigas dependencias só quedan algunhas pilastras que daban ao claustro, as súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións.

Desde Baleira ata a Terra Chá

O desaparecido cenobio foi fundado por monxes cistercienses provenientes do Bierzo que o habitaron ata a Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1835. O abade de Carracedo manda a uns monxes baixo o mando dun prior para que erixan unha casa e oratorio coa finalidade de atender os peregrinos que ían cara a Compostela, xa que por aquí pasaba unha derivación do Camiño de Santiago, documentada polo monxe alsaciano Künig de Vach no ano 1495, que escollía “unha das profundas barrancadas que cortan as ásperas serras polas que penetraba o camiño francés en Galicia” (Torres Balbás, 1954). Canda eles traen unha imaxe da Virxe de Abarcas e un relicario que garda un Lignum Crucis. Os seus dominios estendíanse por áreas de Baleira, vales de Neira de Rei e Neira de Xusá (Baralla), Becerreá e A Terra Chá. Penamaior perdeu a dignidade abacial no 1505 cando foi integrado na Congregación de Castela, polo que quedou unido a San Salvador de Salamanca. Sábese que no ano 1584 só contaba con catro monxes, e sete no 1803.

Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII, reformada no século XVII, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre a que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrense un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano hai un círculo onde aparece unha cruz e a data de 1177; o nome de Didacus, posible construtor, e a inscrición ERA MCC IV I (ano 1162). Complétase cun león rampante, unha árbore con aves e un xinete con lanza e escudo ao que segue outro cabalo.

Nun aleiro do templo hai dous canzorros que segundo a crenza popular representan a Sede e a Fame.

Antigo clauso do mosteiro de Santa María de Penamaior

Cabaleiros do Temple

Segundo a tradición, aquí tamén estiveron os cabaleiros do Temple, a famosa orde monástico-militar. Non moi lonxe do mosteiro, a menos de 1,5 quilómetros, por riba da aldea de Vilarín (non confundir coa finca Vilarín, na parroquia de Ouselle, onde apareceu un relevo do século I ou II d.C.) atópase a Pena do Castelo onde se di había unha torre desde onde os templarios vixiaban a contorna para protexer os peregrinos a Santiago.

Cóntase que cando a restauración do templo atoparon unha mazmorra onde había un sistema para torturar os presos polo método da goteira. Ben suxeitos por un mecanismo para que non se puideran mover, sobre as cabezas dos reos caía unha gota de forma intermitente que lle perforaba a tapa do cranio e lle podrecía os miolos.

Xunto a igrexa érguese a coñecida como A Cruz de Ferro (hoxe en día de madeira). Disque pola noite, os mortos que compoñen a Santa Compaña, a procesión nocturna de ánimas en pena, axeónllanse diante dela para para purgar as penas e acadar, así, a salvación das súas almas. Cóntase que cando tronaba, todos os raios ían parar a ela.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...