fbpx
Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Acusan á Xunta de favorecer o negocio dunha multinacional antes que protexer a Altamira galega

Tempo de lectura: 3 min.

A cementeira Cosmos é propiedade dunha multinacional brasileira. Unha empresa que factura centos de millóns de euros ao ano e que, na actualidade, explota os terreos que se atopan no marxe de protección da cova Eirós, en Triacastela.

Hai uns días, a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo denunciaba que a Xunta rebaixaba a protección desta cova e que a catalogación prevista para é a de monumento en vez de xacemento arqueolóxico, a diferenza doutras covas semellantes como Altamira ou Atapuerca.

Uns argumentos que comparte tamén a entidade ecoloxista Adega que acusa á Administración autonómica de dotar dunha “protección de segundo” a este xacemento, despois de oito anos de reclamacións para a súa protección, tanto pola vía administrativa, como coa intervención do Valedor e do Consello da Cultura Galega.

Foto antiga da cementeira Cosmos, moi preto da Cova Eirós / Petón do Lobo

“Protección de segunda”

“Porén, no procedemento recén iniciado a Dirección Xeral de Patrimonio delimita unha área de afectación e establecendo unhas cautelas que semellan atender máis aos intereses de COSMOS que á correcta salvagarda deste xacemento. Non é de estranar, xa que despois de facerlle o caldo gordo a COSMOS durante anos eludindo o cumprimento da lei, agora que non ten máis remedio que cumprila pretenda dotar á Cova dunha protección de segunda”, denuncia Adega.

Así, nun comunicado sinala que non está suficientemente xustificado a escolla de “monumento” fronte a “xacemento arqueolóxico” como categoría do BIC. Na introdución recoñécese e destácase por riba doutros valores, a significación de Cova Eirós como lugar de importantes achados arqueolóxicos e paleontolóxicos, que son de especial interese científico para estudar e coñecer a evolución da historia humana, alén de ser esta a única cavidade galega con presenza de arte rupestre.

Por iso, insiste, a categoría máis acaída de BIC sería a de “xacemento ou zona arqueolóxica”, e non a de “monumento”, segundo a definición establecida no artigo 10 da Lei vixente do Patrimonio Cultural.

Recuperación da contorna

Sobre a delimitación da contorna afectada, di que “é pouco ambiciosa e que obedece ou está definida conforme aos actuais intereses da explotación mineira de Cementos Cosmos”, no canto de basearse en criterios científicos, de interese público, ou destinados a garantir a protección duns valores patrimoniais de extraordinaria excepcionalidade.

A proposta de delimitación do perímetro de protección do BIC configúrase a partir da actual alteración da contorna do xacemento condicionada pola actividade da canteira que na ladeira sur desfixo totalmente o monte até 8 metros da cavidade. Adega lembra que a proposta da Xunta desbota calquera acción ou medida destinada a recuperar ou rexenerar o estado natural da contorna do xacemento hoxe degradada pola actividade mineira.

Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) | GEPN-AAT – IPHES

A declaración da Cova Eirós como BIC presentada pola Xunta tampouco non fai mención a outros elementos patrimoniais de extraordinaria importancia próximos ao xacemento e que forman parte dunha mesma área de interese cultural. Alén das Covas da Cabaxa e Graxeira, que posúen un interese potencial científico moi elevado, hai que ter en conta que a poucos metros da Cova Eirós discorre o Camiño francés a Compostela, outro elemento patrimonial de elevada significación que tamén está catalogado como BIC. Por outra parte, próximo ao xacemento discorre un Camiño Real da época romana, que a día de hoxe tamén se atopa afectado pola actividade da canteira.

Neste sentido, Adega lembra que proposta de declaración de Cova Eirós como BIC debe engadir un capítulo no que a administración pública se comprometa a favorecer e a promover medidas de recuperación da capa vexetal do teito do xacemento arqueolóxico a protexer, que foi escavado ata os 50 metros da cova, danando de forma estrepitosa a súa coberta ou paraugas natural e favorecendo as filtracións de auga e o desgaste do interior da cavidade. É fundamental que a Administración amose a súa predisposición para sentar as bases legais que obriguen á rexeneración do teito da cova e da súa contorna, agora degradada pola actividade mineira.

Pode que che interese...