fbpx
Unha escavadora removendo pedra / foto dimitrisvetsikas1969CC0

Desfeita en Marín…Derruban toda unha mazá do seu casco vello

Tempo de lectura: 4 min.

Non sería a primeira vez que paseando por unha das zonas vellas das cidades e vilas de Galicia vemos nunha vivenda histórica o xa habitual cartel de “se vende solar”. De aí a pouco tempo o único que atopamos é un edificio de vivendas de gran altura construído no medio dunha vila histórica. Por desgraza este é o día a día do patrimonio galego sen que administracións locais e autonómicas  fagan nada, polo xeral, por solucionalo. Este é un problema que se agrava especialmente se temos en conta que en Galicia, tan so uns poucos cascos históricos son Ben de Interese Cultural ou teñen protección nun planeamento local.

Marín é un destes casos carentes de protección, a pesares de ser unha das vilas máis importantes de Galicia en determinados momentos da nosa historia. Pois o casco histórico desta localidade pode ter os seus días contados logo do novo acordo asinado polo concello que pode ser a sentenza de morte da súa zona vella.

Isto vese agravado logo de que o pasado martes tivera lugar un derrube sen precedentes na urbe, que supón a desaparición total dun dos sectores máis amplos do seu casco histórico. Foi a destrución dun quinteiro histórico completo de casas que polo xeral pertencían ó último terzo do século XIX e a primeira metade do XX e unha factoría de salgadura que podería ser incluso moi anterior. O derrube, que se presentaba ademais coma un feito positivo en xornais como La Voz de Galicia, facíase para liberar o terreo e doar a pedra para unha edificación historicista que se habería de construír nunha aldea do Concello de Poio.

Imaxe do centro urbano de Marín / foto wikimediaCCPR

Tratouse do derrube dun quinteiro ou mazá case completo de vivendas antigas, abandonadas no entorno da rúa Méndez Núñez de Marín. O derrube, que contaba coa autorización do concello, foi levado a diante pola empresa Construcciones Esperón S.L., quen se encargou de xeito gratuíto do derrube a cambio de poder quedar coa pedra que resultase. Xeraríase así un grupo de solares limpos que haberían de servir para construír no futuro, mantendo inalterada a propiedade do terreo. O derrube, que se foi producindo por fases, dende decembro, segundo a aceptación dos propietarios, acabaría por completarse entre este pasado martes e as próximas semanas.

Segundo recolle o xornal La Voz de Galicia, a pedra resultante constituiría uns 2.000 metros cadrados de superficie e farían falla uns 30 tráilers para transportala por completo, estando neste momento amontoada na finca. Isto da conta da importancia que tería esta parcela do centro urbano da vila, e a estocada de morte que supón para o casco histórico. Coa pedra resultante a empresa Esperón poderá “rehabilitar” sete vivendas do lugar de Riomouro Pequeno, na parroquia poiense de San Xoán e transformalas nun gran centro de turismo rural.

Igrexa Vella de Marín / foto Wikimedia Beni Riobó CCByR

Mais o sorprendente do caso foi precisamente o propio Concello, seguindo a normativa de medio ambiente, quen requiriu ós propietarios das parcelas que derrubaran as estruturas en ruínas, que en aquel momento eran xa a maioría, ante o risco para os veciños. A intervención da empresa permitiu o resto. Segundo o xornal “o acordo permitirá un cambio de imaxe en pleno centro urbano de Marín e nunha aldea de Poio. Nun pacto -di literalmente o xornal- co que ademais saen gañando propietarios, construtora, veciños e Concello. E unha idea que despertou interese en outras zonas da provincia, que poderían imitala”.

Tres elementos únicos perdidos para sempre

O caso deste quinteiro de Méndez Núñez foi o último gran paso da perda do patrimonio histórico dunha vila moi castigada pola construción de vivendas en altura e por un desenvolvemento urbanístico non planificado. O seu antigo porto foi substituído por un conxunto de industrias navais e o seu centro histórico derrubado progresivamente para a construción de vivendas en altura, tanto dentro da améndoa histórica como fora. De feito o quinteiro froito da demolición atópase literalmente ás portas desta améndoa histórica cercada, constituíndo un rueiro histórico que partindo dunha porta real se adentraría na contorna da vila ata a actual casa concello. Se hasta este momento este rueiro -unha estrutura urbana de orixe medieval- fora desaparecendo, con este derrube este rueiro histórico esencial para entender a vila finará definitivamente.

Unha salgadura rehabilitada / foto galiciamaxica

Antiga fábrica de salgadura

Mais non é nin moito menos o único elemento que se perdeu co solar. Sen dúbida o máis salientable e coñecido polos veciños é a antiga fábrica de salgadura. Unha estrutura que foi unha das primeiras en ser derrubadas do solar, e que dataría de entre fináis do século XVIII e principios do século XIX. Esta fábrica foi unha das máis de 20 que se atoparían na zona, nun conxunto innumerable delas que se atoparon ó longo da comarca, da ría e das Rías Baixas, e que constituíron unha das grandes industrias da Galicia de aquel momento. Moitas delas, como esta mesma, formarían parte da historia mesma da industria galega ó transformarse co tempo de salgadura a conserveira.

Mais as salgaduras en Galicia non son elementos illados no tempo, aínda que tiveran o seu grande momento neste período, senón que formaron parte dunha rica industria ó longo de toda a historia, iniciada na época romana. E é este o terceiro elemento que desaparecerá co derrube. Pois sobre o solar do antigo rueiro está proxectado un polígono de vivendas novas e unha praza, que sen dúbida afectarán ó xacemento romano que os expertos sitúan no subsuelo do lugar. Así, que, non so se acaba con un momento recente da historia de Marín e do seu urbanismo, senón que se perderá unha parte máis que importante da historia do desenrolo da vila, que no tocante a súa historia e a conservación do seu patrimonio quedará tocada de morte para sempre.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...