fbpx
Integrantes da Asociación do Traxe Galego / santiagodecompostela.gal

O traxe tradicional, unha icona de Galicia que se pon en valor

Tempo de lectura: 3 min.

O traxe tradicional é xa unha icona de marca de Galicia. E, por iso, un gran desfile tentará poñer en valor unha das prendas que marcou boa parte da historia do país. ‘Sete varas, un refaixo’ é o título do primeiro gran desfile de traxe tradicional que terá lugar en Galicia. Será este 10 de xuño e sobre a pasarela poderán verse 45 modelos que amosarán preto de 50 traxes tradicionais, o que suman máis de 700 pezas, de diferentes épocas históricas e comarcas do país.

Os traxes que desfilarán son antigos ou reproducións fidelignas realizadas a partir da recollida e recuperación de padróns antigos, e seguindo o xeito de confección tradicional e usando os mesmos tecidos que nos orixinais. Como exemplo, José Luis Rodríguez –tesoureiro de Sete Espadelas- indicou que o seu traxe é unha reprodución dun traxe de Santiago realizado en 1934 para enviar ao Museo del Pueblo Español en Madrid. Tras desaparecer na Guerra Civil foi localizado en Nova York, e a partir deste orixinal realizouse a reprodución utilizando os tecidos propios de cada unha das pezas.

Este traballo de recuperación e investigación foi realizado principalmente a través de museos, de coleccións particulares e de préstamos de pezas soltas. De feito, a maioría dos traxes que participarán no desfile, 38 de 45, pertencen á Asociación Etnográfica Espadela, que neste momento ten unha colección de arredor de 60 traxes.

Imaxe de mulleres vestidas co traxe típico galego no NO-DO / RTVE

A partir do vindeiro martes, Pontevedra acollerá xa dúas actividades previas ao desfile: unha microexposición que poderá visitarse no CITA desde o 6 ao 9, e unha mesa redonda sobre ‘A indumentaria tradicional na actualidade’ que terá lugar o día 9 ás 19h –tamén no CITA-.

“Status que merece”

“Queriamos imitar unha pasarela de alta costura para darlle ao traxe tradicional o status que se merece”, indicou o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones. Así, para levar a cabo esta pasarela acondicionarase o hall do Pazo provincial cunha plataforma elevada para que os e as modelos participantes poidan desfilar. O percorrido completo inclúe o descenso pola escaleira interior do Pazo, continúa polo hall e remata na escalinata exterior que sae á zona da Alameda.

Para o público habilitarase unha zona interior, ao longo de ambos os laterais do hall, e unha zona exterior, no fondo da escalinata exterior, que ademais estará reforzada por dúas grandes pantallas. Entrambos espazos colocaranse un total de 320 butacas e a entrada a este evento será libre e gratuíta.

A presentación dos diferentes traxes, as pezas que os compoñen, as características propias de cada un e a zona de procedencia, corresponderá aos membros de Sete Espadelas. “Ademais da cuestión estética e vistosa propia dun desfile, tamén se contempla un aspecto máis didáctico e máis participativo, no que toda a xente que se achegue poida coñecer os detalles da nosa indumentaria” sinalou Xosé Leal, en referencia á explicación que se realizará durante o desfile.

A escolma inclúe traxes de distintas comarcas de Galicia e de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX, que é o período histórico considerado de maior esplendor do traxe galego. Desfilarán, por exemplo, traxes de garda ou cerimonia de Betanzos, Carballiño, Leiro ou Santiago; traxes domingueiros de Carballedo, Abadín ou Vilasantar; e traxes decotío de Pontedeume, A Limia ou A Pastoriza. Estas denominacións correspondían aos usos e importancia que cada traxe tiña na vida das persoas. Así os traxes de garda eran usados en acontecementos importantes e case únicos na vida dunha persoa, como o día da voda; de aí que se denominaran ‘de garda’ porque logo ían ás arcas, onde se gardaban e pasaban de nais a fillas. Os domingueiros eran os empregados para ir á misa dos domingos, ou ás festas do patrón, e era o mellor traxe que podía ter unha persoa –despois do da voda-, e en función dos posibles de cada casa podían ser máis ou menos ricos ou adornados. Mentres, os decotío eran os que se usaban a diario, nos labores cotiáns do campo e da casa, e estaban tecidos con materiais máis ruíns xa que eran prendas que se estragaban máis a miúdo.

“Con estas actividades o traxe galego terá un referente en Pontevedra, e poderemos achegarnos a este patrimonio dun xeito máis actual”, sinalou o deputado de Cultura Lingua, Xosé Leal, na presentación do desfile. Así, indicou que este desfile forma parte das actividades do Ano do Patrimonio e agradeceu “aos colectivos de todo o país e, neste caso, a Sete Espadelas todo o traballo que levan realizado ao longo do tempo para manter e poñer en valor este patrimonio inmaterial”.

Pode que che interese...