fbpx
Tumba escavada no convento de Santa Clara / Deputación de Pontevedra

Na procura do misterio dos “enterramentos masivos” no convento de Santa Clara

Tempo de lectura: 2 min.

Canta xente pode estar aí enterrada ao longo de 750 anos? 2.00, 3.000, 4.000 persoas?” é a pregunta que se fai o presidente en función da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, respecto aos achados que se fixeron durante as escavacións no convento de Santa Clara. A intervención que se está levando a cabo no convento pontevedrés desenvólvese con resultados moi satisfactorios que abren a posibilidade de achegarse máis á historia do lugar.

Entre os achados que se descubriron no lugar destacan os enterramentos. Ata o de agora escaváronse arredor de 40 tumbas, mais tendo en conta a antigüidade do lugar calcúlase que poderían ser moitos máis, falando incluso de “enterramentos masivos

“Isto é sorprendente. Poderiamos estar toda a vida escavando. Hai incluso enterramentos con dous ou tres osamentas xuntas”, comentaba Mosquera. Os lugares nos que estas tumbras apareceron tamén son variados, dende a horta ao claustro, pasando pola igrexa, o refectorio vello, o coro baixo… e incluso a diferentes niveis.

A variedade de niveis, así como múltiples técnicas mortuarias indican que os enterramentos se oficializaron en diferentes épocas a través dos 750 anos de historia do convento. Porén, as incógnitas aínda son moitas, pola presenza de enterramentos de xente allea ao convento, entre outras.

Ante a multitude de  tumbas, non se espera que o equipo abra cada unha delas, se non só as máis representativas. Aínda así, estes novos achados servirán para coñecer mellor o modo de vida no convento, o que permitirá realizar unha primeira reconstrución cronolóxica da súa historia. “Entón xa se poderá saber con detalle cuestións como, por exemplo, o tipo de alimentación que seguían as mulleres recluídas no recinto relixioso”, engade Mosquera.

Porén, os descubrimentos non só se limitan aos enterramentos, pois os traballos de escavacións están a sacar á luz moitas novidades. Destacan as modificacións que sufriu a construción, un feito que con esta intervención xa se pode confirmar, como o feito de que a ábsida da igrexa posiblemente non sexa orixinal, se non unha substitución do s. XV ou XVI. Máis información en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...