fbpx
Vistas desde o mosteiro de Santa Baia de Espenuca, rodeado por eucaliptos, nas Fragas do Mandeo / Íñigo Mouzo

Santa Baia da Espenuca, o santuario abandonado e rodeado de eucaliptos que coroa as Fragas do Mandeo

Tempo de lectura: 7 min.

O de Santa Baia da Espenuca é un deses lugares paradigmáticos da cultura galega, unha ermida románica do século XII construída no alto dun outeiro para cristianizar un lugar claramente relacionado con cultos pagáns. Érguese directamente sobre o río, a uns 300 metros de altura, e, de non ser polos eucaliptos, hoxe sería un miradoiro perfecto das fragas do Mandeo e das terras das Mariñas e Betanzos. Porén é un espazo singular, dende o século XX ata a Antigüidade nos fala da relación mística entre os habitantes da comarca de Betanzos e o seu entorno, manténdose como testemuña física de séculos de historia e de relación entre o home, a contorna e as fragas, a pesar de que esta relación milenaria está sendo alterada polo eucalipto, tal e como xa abordou HdG.

Situada sobre unha pena, sobre o un meandro do río, pola súa feitura enfesta semella que o seu propio nome derivara da á súa ubicación dominante sobre lugar. Pero nada máis lonxe da realidade. O nome Espenuca, procede de certo do latín spelunca, que significa cova ou fenda, e que sen dúbida nos falaría máis ben das aberturas que forman os penedos no lugare das lendas e cultos milenarios asociados a estas. O nome ten a mesma raíz semántica que espeleoloxía, ou que sepulcro, e segundo os vestixios que nela se atoparon, tanto podería facer referencia ás propias diáclases paralelas, ou fendeduras, que forman os ocos ou refuxios, como o seu uso no mundo alto-medieval como enterramento.

Santa Baia de Espenuca, un dos mosteiros máis antigos de Galicia / Íñigo Mouzo

O certo é que este lugar apenedado garda relación co home dende a noite dos tempos, e as pedras que se alzan sobre o seu cumio son depositarias de tradicións e crenzas moito máis antigas que a capela e seguramente que calquera resto atopado no lugar. Mais non son as únicas, xunto cos penedos do propia Espenuca, neste alto e sobre as fragas, destacan unha grande cantidade de rochas asociadas a lendas e tradicións populares, coma a propia rocha da Señora, un lugar, case abovedado, a do Outeiro ou a cama de Santa Eulalia, lugares que a sabedoría popular tiña por milagreiras, e que, con toda certeza, estaban relacionados coa espiritualidade precristiá.

Un dos mosteiros máis antigos de Galicia

Como en outros tantos lugares depositarios de ritos pagás, co paso dos séculos foi cristianizado. Segundo unha inscrición nunha rocha preto, hoxe desaparecida, no século IX, sobre o lugar e en honor a Santa Eulalia construiríase unha ermida, dato confirmado tamén por documentos da época. Porén é posible que houbera xa unha capela anterior no lugar, posiblemente do século VI, e que podería ter sido derrubada polas invasións normandas. Isto é moi habitual en Galicia, de feito o culto a santa Eulalia, ou Santa Baia, de Mérida, mártir executada no ano 303, é un culto moi estendido época alto-medieval, e un dos cultos máis antigos do país. Esta santa era considerada como a valedora dos partos e da fecundidade, crenza que enlaza a perfección coas tradicións precristiáns de lugares coma este, e que co tempo daría lugar a importantes santuarios ou ermidas.

Pía bautismal en Santa Baia de Espenuca / Íñigo Mouzo

Neste sentido a arqueoloxía non nos pode revelar novos datos, xa que ata o día de hoxe non se fixo ningunha escavación no lugar. A pesares diso apuntouse a un pasado romano ou a existencia dun castro na zona xa que nas proximidades do santuario se atoparon unha estela funeraria, anacos de tegulas e un muíño de man. A  estela funeraria contaría cun trisquelo de radios curvos, o que seguramente levara ó equívoco da presenza dun xacemento castrexo. O que si apelarían estes achados é a algún tipo de asentamento romano na zona, e seguramente estes lugares de culto primitivo debíanse de seguir usando como necrópole romana ata bastante tempo despois, aparecendo no lugar tamén  estelas e sepulcros altomedievais.

O que si parece claro é a procedencia dun templo nos primeiros anos do cristianismo, pero este non duraría en pé, e tivo que ser reconstruído no século IX. Barállase, que, unha cita dun documento do bispado de Iria Flavia, do ano 830, no que se fala unha torre da Spelunca, posiblemente unha torre de vixilancia, aluda a este mesmo lugar. No ano 1863 o arqueólogo Antonio de la Iglesia publicou unha inscrición na que se lería como o presbítero Candulfo tería rematado a ermida en 881, unha inscrición perdida pola erosión, pero que no século XIX sería parcialmente visible, e que deixaría claro a construción no século IX dunha capela no lugar.

Cítase Santa Eulalia da Spelunca ou Santa Baia como mosteiro bieito en 1063, e o 25 de outubro dese ano, dona Adosinda, esposa dun rico cabaleiro chamado Segeredo, aloita o lugar de Spelunca a Cines, pola necesitada alma do seu home de perdóns. A destrución do primeiro cenobio de Candulfo dará lugar á construción do século XII, da que figura unha doazón dos Condes de Traba á igrexa de Santiago en 1130. Por estilo sería do último terzo do século XII, co que a ermida actual se correspondería sen dúbida con esta época.

Tamén se pode falar de relatos fundacionais lendarios recollidos en documentos ó longo do tempo. O máis soado conta que foi un orixinal cenobio fundado por un cabaleiro que incorrera en moi graves faltas. Para purgar os seus pecados fundou varios templos nos puntos máis elevados da comarca, de xeito que foran visibles os uns dende os outros, e dos que hoxe só se conservarían o de Santa Marta de Babío en Bergondo e máis este, onde morrería o fundador tras, segundo se conta, unha vida exemplar.

Igrexa románica de Santa Baia de Espenuca, nas Fragas do Mandeo / Íñigo Mouzo

Estrutura románica

O certo é que a ermida ten unha estrutura románica típica do século XII, con algúns cambios realizados no século XVI e XVIII e tamén nos anos de 1949 e 1985. Ten planta basilical e ábsida de testeiro recto con bóveda de canón, o que a sitúa no último terzo do século XII, 1175-1180 e exteriormente destaca pola súa colección de canzorros, do que un deles posúe unha singular forma de carneiro. Ten tamén unha portada abucinada, de estilo moi sinxelo, con elementos vexetais e xeométricos, doelas decoradas con axadrezado e columnas moi curtas que a sitúan esta entrada nunha cronoloxía algo máis avanzada, 1200-1210. Posúe tamén tres portas de medio punto, poñente sur e norte, a última tapiada, e con doelas desiguais que poden ter sido reutilizadas de construcións anteriores. Finalmente está coroada por unha cruz lobulada gótica coma a de Santa María de Azougue de Betanzos.

No século XV a ermida converteríase en priorato e no XVIII en parroquia. Deste século XVI datarían as súas pinturas murais, que tristemente foron perdidas nas rehabilitacións de 1949 ou 1985. Desta Idade Moderna datarían tamén varias modificacións, coma o feche da portada sur ou a construción da sancristía que se atopa agochada ó norte. Actualmente a parroquia é San Xulián de Coirós, a aldea máis próxima e Espenuca é simplemente un santuario.

Xunto á ermida atópase tamén a capela dos Remedios, de datas moi posteriores, pero que conserva no seu interior unha pía bautismal de estilo románico, de bordes decorados con boceis, con motivos xeométricos, similar a outras da época, como a conservada en Santiago da Coruña. Dataría de comezos do século XIII, do mesmo xeito que a portada de occidente. Nesta capela atópanse tamén os sarcófagos antropomorfos de procedencia alto-medieval, pero sen embargo a construción da propia capela é moi posterior a todo o conxunto, seguramente do propio século XIX. Nela se atopa a imaxe da Virxe dos Remedios, figura que foi roubada e substituída por outra de nova talla. A romaría celébrase o 8 de setembro.

Ademais dos penedos, a ermida, o propio adro e a capela, o conxunto da Espenuca complétase co miradoiro. É unha pequena explanada rodeada por peitorís e algúns bancos de pedra, que no ano 1949 foi construído pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de dignificar o lugar. No propio miradoiro se atopa a espadana da ermida. É moi curioso que o campanario da capela apareza separada dela. Porén é bastante habitual esta forma en Galicia, sobre todo en localizacións nas que, como en este caso, a capela non se atopa netamente no cumio. A espadana ou campanario mural tende a ocupar sempre o lugar máis alto para facilitar a difusión do son das campás. Esta espadana é bastante posterior á capela xa que dataría do século XVIII e no século XIX conservaría chanzos de pedra, que aínda se observan en fotos antigas, e que serían eliminadas en 1949 para que os fieis non subiran a el. A campá orixinal era de 1693 pero foi roubada nos anos 60 colocándose a actual na restauración do conxunto do ano 1985. A cruz que coroa a espadana e máis o cruceiro que a acompaña non serían do século XVIII senón desta propia rehabilitación de 1985, pero serían pezas procedentes doutros lugares.

Mosteiro de Santa Baia de Espenuca / Íñigo Mouzo

Entorno de conto

Por último, do lugar hai que destacar o seu propio entorno, que, como dixemos, conserva partes da propia fraga atlántica, pero que, porén, atópase na actualidade invadida de eucaliptos, co que as vistas do entorno son completamente nulas. Tan só, e moi recentemente, a asociación Fragas do Mandeo coa colaboración do Concello de Coirós rehabilitou unha parcela no entorno directo da ermida duns 17.000 m2 na que se procedeu a tala dos eucaliptos e outras especies invasivas, reforestándose o monte con especies autóctonas, aínda que como afirman na súa web membros da asociación “pasarán décadas antes de que o terreo quede recuperado”. A actuación serviu ademais para recuperar por primeira vez en décadas unha parte importante das vistas do santuario sobre o río Mandeo, na súa zona nordeste. Esta actuación da conta do que sería o lugar antes da invasión do arborado alóctono, e do seu singular potencial como miradoiro.

A última noticia sobre o lugar foi o 31 de marzo de 2017, cando o presidente da Deputación da Coruña visitou a vila e concello de Coirós, recibindo ó alcalde e visitando a Espenuca. Prometeu a rehabilitación do seu entorno grazas a unha achega de 23.600€, investimento para restaurar espazos verdes dentro do plan de recuperación do Mandeo, e dotado, nun segundo momento, segundo se coñece, de máis de 5 millóns de euros, cofinanciados polos fondos Feder. O presidente referiuse á gran potencialidade da Espenuca e do seu miradoiro. É abofé é así, un lugar que sen dúbida debería recuperar a súa memoria e o seu esplendor pasado, e que lle debería ser devolto a cidadanía como un colofón inigualable dos roteiros que afondan nas  fragas do Mandeo, así como do patrimonio cultural e natural das Terras de Betanzos.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu