Os lumes queiman o castro de Chandebrito e cercan o mosteiro de Oseira e o Castelo de Monterreal
A vaga de lumes que vive Galicia neste domingo negro tamén afectou ao noso patrimonio. Polas informacións que foron chegando a HdG, sábese que ardeu completamente o castro de Chandebrito, en Nigrán. Unha parroquia na que tamén atoparon a dous mortos calcinados nunha furgoneta.
As lapas tamén cercaron o mosteiro de Oseira, en Ourense. O alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, cualificaba de “infernal” a situación. “Nunca vin tal cousa”, indicaba. “Oseira está rodeada”, aseguraba. De feito, os monxes tiveron que ser desaloxados.
Tamén o Castelo de Monterreal, en Baiona, viuse afectado polas lapas, que chegaron a entrar nos seus históricos xardíns.

Castro de Chandebrito, en Nigran / patrimoniogalego.net
Castro de Chandebrito
O castro de Chandebrito ten unha altitude é de 376 metros sobre o nivel do mar, o que lle confire un tipo de emprazamento de montaña que poucos castros da zona o posúen. Consta dunha muralla de aparello poligonal polo seu lado norte. Polo sur, a defensa ven dada pola configuración natural do terreo, extremadamente rochoso e abrupto que fai o castro inaccesible por este lugar. Posiblemente este poboado posuía outros sistemas de defensas, como fosos e terrapléns, pero na actualidade son moi difíciles de apreciar polo modificado que está o terreo, tal e como recolle Patrimoniogalego.
Segundo se desprende dos datos obtidos in situ, este poboado estivo habitado entre os séculos V a.C. e II da nosa era. A localización deste castro fálanos do control e dominio xa en época romana da zona.
O castelo de Baiona
O castelo de Baiona é unha fortaleza do século XII, que se terminou de construír no século XVI. Desde 1966 alberga un Parador Nacional, o Parador do Conde de Gondomar. Ten unha gran importancia histórica, xa que en marzo de 1493 Martín Alonso Pinzón retornou ás costas de Baiona tras a súa viaxe a América, convertendo a esta vila na primeira de Europa que soubo a noticia do descubrimento do Novo Mundo. Recibiu ataques sarracenos, de piratas e corsarios e tamén das flotas inglesa, francesa e holandesa, pero nunca foi conquistada.

Mosteiro de Santa María de Oseira / galipedia
Mosteiro de Oseira
Coñécese da súa existencia desde 1137, pero aos poucos anos converteuse nun mosteiro dependente da Orde do Císter e no ano 1141 estableceuse unha colonia de monxes franceses enviados por San Bernardo. No ano 1835, como consecuencia da desamortización de Mendizábal, os freires deixaron o convento, que quedou totalmente abandonado propiciando o espolio do lugar. Os monxes volveron de novo en 1929, comezando a súa reconstrución.
Se sabedes de máis patrimonio que teña sido queimado, por favor, escribide a redaccion@historiadegalicia.gal ou informadenos a través das redes sociais.