fbpx
Procesión de San Froilán en terras de León / El Reino Olvidado

Todos falan do San Froilán, pero quen foi verdadeiramente este santo patrón de Lugo?

Tempo de lectura: 6 min.

A primeira semana e media de outubro de cada ano estréase ou péchase, segundo se mire, o ciclo de festas populares de Galicia cunha das nosas celebracións insignia, o San Froilán, patrón de Lugo. Está claro que é unha festa famosa por moitos motivos, entre eles a súa gastronomía, e seguramente a festa por excelencia do outono en Galicia, pero, todos os anos por estas datas, e de xeito recorrente, se nos presenta insistentemente unha pregunta: Quen foi este santo de tal importancia para a cidade que é recoñecido como o seu propio patrón?

Na actualidade San Froilán ten unha importante devoción na cidade e está especialmente presente no seu ideario colectivo. A cidade conserva unha das súas principais parroquias intramuros dedicada a el. É representado no corpo nobre da fachada da catedral, e conta cunha capela propia na nave norte desta, unha das maiores. Incluso sabemos o nome da súa nai e o seu barrio de nacemento. Mais non é todo, este santo aparece representado frecuentemente na cidade, polo xeral, como prelado, en actitude de predicación, e sempre acompañado dun lobo. Diferénciase iconograficamente de San Antón ou San Roque, acompañados do mesmo animal, pola súa representación con casulla, palio, báculo e mitra de bispo.

Seguindo esta iconografía podemos aproximarnos a quen foi. As principais imaxes do santo atopámolas na fachada da catedral e no retablo da capela interior. Na primeira sitúase no corpo principal da fachada, en paralelo con San Capitón, primeiro bispo da cidade, nun programa iconográfico de exaltación da fe fronte ao paganismo. Na capela, unha das maiores da catedral, un retablo neoclásico acolle unha talla anterior en case dous séculos, do famoso escultor Francisco de Moure, nun espazo creado ex proceso para o santo no século XVIII á beira da nave norte.

Imaxe de San Froilán

San Froilán en León

Fora da cidade de Lugo posuímos na zona de León importantes referencias á iconografía do santo, destacando, sobre todo, unha entre todas elas, o retablo da catedral de León, obra de Nicolás Francés. Neste aparecen catro baixorelevos policromados con catro escenas da súa vida, como ermitaño, con brasas na súa boca, diante do rei Alfonso III e o traslado dos seus restos á propia catedral nun carro de vacas. Este retablo dános pistas xa de cal foi a historia de este home que naceu no barrio do Carme de Lugo e acabou beatificado como Santo.

Como santo aparece nomeado tamén no martiroloxio romano, un catálogo oficial de santos da igrexa católica ordenados segundo un almanaque polas súas festividades, neste caso recollido por obra do papa Gregorio XIII entre 1572 e 1583, un dos martoroloxios de cabeceira da Igrexa ó longo de toda a Idade Moderna. Nel se afirma que “evanxelizou as rexións liberadas do xugo dos musulmáns, propagando a vida monástica e distinguíndose pola súa beneficencia cos pobres”. Pero, ante todo, sabemos da súa vida, mixtura de lenda, relato e de realidade, a través dunha biografía súa conservada nun manuscrito intercalado nunha biblia gótica do ano 920, atesourada no arquivo da catedral de León, escrita, segundo a propia fonte, por Xoán Diácono.

A vida de San Froilán

San Froilán nacería en Lugo, no barrio do Carme, ó pé da muralla en torno ó ano 832. Algúns din que ladrón na súa xuventude, tras decidirse a estudar para sacerdote, con 18 anos, abandonaría a casa paterna para vivir como ermita, segundo algunhas fontes conmovido polas persecucións mozárabes de Córdoba do ano 850, segundo outras, arrepentido dos seus pecados. Trala súa conversión marcha para as montañas de Lugo onde vive durante anos de xeito ermitaño, viaxando polos montes de O Cebreiro e o Bierzo na compaña dos seus libros e mais dun asno que o acompañaba infatigablemente, pasando a maior parte dos seus anos na lendaria gruta de Rutelán no val de Valcarce.

A representación xunto ó lobo, segundo narra a fonte, tería a súa orixe na lenda de que unha tarde, tras perderse na contemplación, atoparía a un lobo ansiado pola fame devorando o seu asno. Ó parecer, o Santo, con palabras de amor e de paz, achegaríase ó cánido e este tornaríase manso coma un año, converténdose no seu novo acompañante. Despois de anos de retiro nos montes coñecerá a San Atilano, ermita coma el, de orixe aragonés e mozárabe. Xunto a el emprende unha vida cenobítica no monte Cucurrino, no Bierzo, sinalado como o actual monte Corueño. Alí, dise, a xente do común, nobres e máis bispos achegábanse ó seu cenobio a escoitar a súa palabra e a súa predicación. Ante os rogos insistentes da poboación deciden abandonar a vida cenobítica e fundar o seu primeiro mosteiro na localidade de Viseu, cunha comunidade duns 300 monxes.

Retablo de San Froilán na catedral de Lugo / Íñigo Rioboo

As súas fundacións

Segundo se relata, tal fora a súa fama que o propio rei, Alfonso III envía mensaxeiros para traelos á súa corte. Alí encoméndalles persoalmente unha tarefa esencial na época, a repoboación das terras ó norte do Douro, reconquistadas ó exército musulmán, e nas que, naquel momento, se atopa a fronteira. Froilán e Atilano aceptan a encarga do rei fundando diversas institucións, polo xeral cenobios e mosteiros. Estes últimos, como era costume no momento, de arredor de 300 monxes, localizábanse en paraxes baleiros da meseta e ó seu amparo asentaríanse pequenas comunidades que repoboarían as terras ermas do entorno do río. De entre as grandes fundacións, destacan dúas, unha na fronteira, preto da actual Zamora, San Salvador de Tavara, mosteiro dúplice, para 600 monxes e monxas, importante na historia polo seu scriptorium; o outro, o de Moreruela, preto do río Esla, só masculino, de gran importancia, famoso por acoller por moito tempo ó propio santo.

No ano 900, trala morte do bispo de León, o propio rei propón a Froilán como novo prelado, e no día de Pentecostés de este ano son nomeados Froilán e máis Atilano bispos de León e Zamora, respectivamente, nunha cerimonia na que, segundo conta a fonte, asistiría o propio rei. Este nomeamento se produciría, segundo o relato, ós 65 anos do monxe e moi a pesares da súa vontade, convencido pola insistencia popular. Tan só catro anos despois morrería, o día 5 de outubro do ano de 904, sendo enterrado na propia catedral nun sepulcro que fixera construír para si mesmo o propio Alfonso III, idea da importancia que na súa época habería de ter o prelado.

As miragres

Transcorridos cinco anos sería canonizado e declarado santo da Igrexa, considerando a súa importancia na labor na reconquista, ó seu papel asentando poboación na franxa do Douro, a importancia da súa predicación, así como as milagres que se lle asocian, como a escena co lobo ou o episodio da súa conversión -neste segundo se relata como o santo tería unha proba de fe na que introduciría brasas incandescentes na súa boca, e non sufriría ningún dano, tomando o feito como unha sinal providencial para mudar a súa vida-. Coas invasións de Almanzor a León entre 982 e 988 as súas reliquias percorrerían varios mosteiros co obxectivo de evitar o seu espolio, rematando no de Moreruela. Con todo parte delas retornarían a finais do século XII á catedral de León, que séculos máis tarde acollería o citado retablo con escenas da súa vida. Mais tamén á de Lugo, xa no século XVII, consagrándose a capela algo máis dun século despois.

O típico polbo de San Froilán / hotellosolmos.es

A festa, que en realidade se celebra a semana e os dous fins de semana contiguos ó día 5, é Festa de Interese Nacional dende 2006, e é unha festa que se remonta á época barroca, concretamente a 1754, ano no que se instaura a celebración no día 5 deste mes, día no que no ano 904 faleceu na cidade de León o santo. A súa devoción debeu de verse incrementada ó longo da Idade Moderna, e especialmente dende 1614 data na que se trouxeran unha parte das súa reliquias á cidade, ata instaurarse finalmente como festa nesta data do século XVIII. Na actualidade San Froilán é patrón das cidades de Lugo e León e santo da Igrexa Católica.

A festa

A festa, que ten o seu epicentro no parque de Rosalía de Castro e máis no propio casco histórico, é coñecida en toda Galicia e no norte de España polo seu principal atractivo, o polbo á feira, un manxar que ten un dos seus puntos de degustación por excelencia as casetas instaladas no parque. Pero ademais disto o San Froilán é unha das festas máis recoñecidas de Galicia por outros moitos motivos. Ademais de diversos actos relixiosos asociados ó patrón, a festa conta con desfiles de cabezudos, charangas, mercadillos e atraccións, así como o Domingo das Mozas, dedicado ó traxe tradicional e o folclore galego, o San Froilán Cativo, con actos para os máis pequenos, mentres que nos últimos anos soe ser tradición que a última fin de semana se dedicase a mercado medieval e a un espectáculo nocturno de fogos de artificio que pechan a famosa festa.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...