Outeiro de Rei atesoura 180 enterramentos prehistóricos, pero medio cento deles foron arrasados nos últimos anos
Recentemente, os divulgadores Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure localizaron dúas novas mámoas no concello de Outeiro de Rei. Esta vez foi en Caboi (as primeiras da parroquia), nunha chaira situada a uns 370 metros da igrexa parroquial e a uns 500 metros do castro da Engrovia. As dúas localizadas en emplotacións forestais e xa moi alteradas por maquinaria pesada.
Precisamente, ao longo do concello de Outeiro de Rei están documentadas unhas 180 mámoas nun estado de conservación de regular a malo. Pola documentación e as referencias orais estímase que ao longo dos últimos anos foron destruídos arredor de medio cento de enterramentos.
As dúas novas mámoas descubertas
O primeiro túmulo foi posible documentalo grazas a unha talla de piñeiros que se produciu non hai moito tempo e que deixou ao descuberto o enterramento. Ten unhas medidas aproximadas de 16 metros de diámetro e unha altura de 0,50 metros. Debido aos labores agrícolas primeiro e á plantación de árbores despois perdeu gran parte da masa tumular. Non se aprecian restos de cámara nin de coiraza pétrea.
A segunda mámoa localizouse a a uns 50 metros da anterior, no medio dunha plantación de piñeiros e case no límite coa parroquia de Uriz pertencente ao concello de Begonte. Ten unhas medidas de 11 metros de diámetro e unha altura de 0,40 metros. Sobre o túmulo vense varias árbores, observándose nidiamente as gabias producidas pola maquinaria ao realizar as plantacións o que a alterou de forma considerable. Como no caso do primeiro enterramento, non se aprecian restos de cámara funeraria.
Seis novos monumentos funerarios
Con esta son media ducia as mámoas que localizaron estes divulgadores en Outeiro de Rei, a última a mediados de agosto deste ano e coñecida como Forno dos Mouros, na parroquia de Vicinte, a única do concello que conserva a tampa cobertoira e que xa foi catalogada pola Xunta de Galicia. Do mesmo período tamén se documentou o mes de maio de 2016 o único menhir prehistórico do concello. Trátase da pedrafita de Pascuais, na parroquia de Parada, un enorme fito cuxa parte á vista ten unha altura de 2,60 metros e un perímetro de 3,90 metros que se vai estreitando cara a cima e que tamén xa foi catalogado por Patrimonio.