fbpx
Museo do Pobo Galego, en Santiago /páxinasamarelas

O Museo do Pobo Galego, camiño de converterse no gran museo de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

O Museo do Pobo Galego non é un museo calquera. É un dos centros museísticos máis importantes do país. Atesoura algunhas das coleccións etnográficas e prehistóricas máis importantes de Galicia e o obxectivo do Consorcio de Santiago é conseguir que o seu espazo expositivo medre aínda máis.

Por iso, nos vindeiros anos a obra de maior calado que acometerá esta entidade será a adecuación da ala sur do convento de San Domingos de Bonaval para ampliación do museo, que superará con creces os 2 millóns de euros. En 2018 está prevista a culminación da redacción do proxecto, a súa tramitación e licitación, xunto á primeira fase da obra, cun investimento de 56.624,41 €. As obras prolongaranse máis de dous anos.

Esta ampliación, por unha superficie estimada de 800 m2, esixirá unha musealización de novos produtos expositivos que recolla, cando menos, a recente historia de Galicia e que estea á altura do museo que a albergará. De cara a avanzar no proxecto expositivo, suscribirase un convenio co Museo do Pobo Galego por importe de 45.000 euros.

Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego obra de Domingos de Andrade / panoramio.com

Outras intervencións en Santiago

Por outra banda, as intervencións no patrimonio histórico-artístico da cidade representarán un total de 568.133,92 euros. Está previsto actuar na capela do Cristo do mosteiro de Santa María de Conxo; levarase a cabo o acondicionamento do cemiteiro da igrexa da Orde Terceira para a súa apertura á cidadanía; intervirase nas igrexas de Agualada de Marantes, San Frutuoso, Santas Mariñas e Marrozos; nas capelas de San Roque e da Pastoriza, nas que se restaurará o cortaventos e o retablo, respectivamente. Ademais, destinaranse 23.756 euros a reparar as salas de ensaio do Auditorio de Galicia situadas no semisoto do edificio.

A xente é a protagonista na campaña do Museo do Pobo Galego para captar a novos socios

Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

Para o seu Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, o Consorcio destinará un total de 460.222,90 euros. Este programa inclúe a coedición de publicacións vencelladas á cidade, así como a organización de exposicións na Casa do Cabido. Ademais, levarase a cabo a dixitalización das publicacións que están esgotadas. Tamén se dixitalizarán e catalogarán os fondos fotográficos de Ramón Sánchez Estalote, ao tempo que continúa a colaboración co IES Xelmírez I para a restauración dos fondos da súa biblioteca histórica.

Así mesmo, promoveranse estudos especiais, en particular un Plan Director de Infraestruturas, que permitirá tomar decisións en relación ao proceso de mellora de infraestruturas no casco histórico, incluíndo os proxectos de subterraneización do cableado; e un Plan Director de Mercancías, xa que non existe ningún estudo centrado neste tipo de tráfico.

Programa de Recuperación Urbana

O Consorcio investirá 2.010.529,96 euros no seu Programa de Recuperación Urbana. Manteranse as tres liñas de axudas vixentes, dotadas en total con 450.000 euros. Por un lado, a dedicada á mellora de edificacións de titularidade privada, incidindo na optimización da eficiencia enerxética das vivendas. Realizarase a terceira convocatoria de axudas para a mellora dos locais comerciais. E continúa tamén a liña de axudas para o mantemento das envolventes exteriores dos edificios. Por outro lado, para o mantemento dos pavimentos da cidade histórica destinaranse 172.000 €.

Pode que che interese...