Axudas dos incendios: A Xunta dálle case medio millón de euros aos cazadores e 0 para o patrimonio
Un total de 1.275 peticións de axudas. Ese é o balance que a Xunta presentou este xoves –tres meses despois de convocalas– do seu decreto de subvencións polos danos da terrible vaga de lumes de outubro. Uns lumes que, tal e como publicou HdG nun extenso informe, danou numeroso patrimonio, entre petróglifos, castros, mámoas, castelos ou pazos abandonados.
Pero, a pesar diso, e a pesar de destinar máis de 22 millóns de euros, o patrimonio recibirá 0 euros. Iso se se ten en conta o que este xoves dixo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi explicando os grupos ou sectores que recibirán esas subvencións e nas que, en ningún momento, se citou ao patrimonio histórico.
Así, por exemplo, no ámbito turístico, recibíronse 12 solicitudes de titulares de establecementos afectados e concellos cuxa sinalización se viu afectada –por un importe conxunto de 129.000 euros–. Un diñeiro moito menor o que solicitou o sector da caza. Foron 40 solicitudes destinadas a atender os gastos de recuperación e protección dos recursos cinexéticos, por 475.000 euros.
Outras axudas
No que respecta ás axudas para recuperar e reconstruír establecementos comerciais, mercantís e industriais, rexistráronse 27 peticións cuxo importe supera o cinco millóns de euros. Con todo, a orde que rexistrou un maior número de solicitudes –case un milleiro– é a que xestiona a Consellería de Medio Rural, que está destinada a paliar os danos en pistas, captación de augas, madeira queimada e explotacións agrícolas, entre outros obxectivos.
No que respecta ás axudas destinadas ás persoas que sufriron danos ou lesións e aos que perderon aos seus familiares por mor dos incendios, o vicepresidente indicou que, das 15 solicitudes presentadas, en 14 dos casos xa se cobraron as axudas e, no caso restante, efectuarase o pago “de inmediato”.
En relación á vivenda, afirmou que as primeiras axudas nesta materia xa foron abonadas. En concreto, aquelas activadas para subvencionar o aloxamento provisional das familias que perderon as súas vivendas por mor dos incendios. En total, ascenden a case 30.000 euros, cos que se está facilitando que un total de sete familias poidan facer fronte aos gastos de aluguer.
“Sen atrasos”
Rueda garantiu que esta cifra disipa “calquera dúbida que puidese haber” sobre as “supostas dificultades” para optar ás subvencións e engadiu que “ninguén quedará sen unha axuda por presentar mal un papel”.
“Apenas tres meses despois de que se abrise o prazo para pedir as axudas e pouco despois de que finalizase, algunhas xa están tramitadas, resoltas e aprobadas“, reivindicou tamén o vicepresidente, quen avanzou que o obxectivo é que todas estean resoltas no primeiro semestre do ano.