fbpx

O vento envelenado da encantada Cova da Curuxa que matou a varios cabaleiros no século XV

Tempo de lectura: 3 min.

No libro “Relación dalgunhas casas e liñaxes do reino de Galicia” do xenealoxista Vasco da Ponte (1470-1532) podemos ler a marabillosa historia acontecida na chamada Cova da Curuxa. O relato deste autor foi case contemporáneo dos feitos que describe a obra, e conta como Álvaro Pérez de Moscoso morreu alá polo 1469 a consecuencia de estar exposto a un aire envelenado que proviña de dita cova.

Poucos anos tiñan pasado da morte do seu irmán, Bernal Eáns, polas feridas ocasionadas por un proxectil de catapulta ao pretender tomar a catedral de Santiago. Ao desaparecer estes dous herdeiros, fillos de Rodrigo de Moscoso, o condado de Altamira foi a parar as mans de López Sancho de Moscoso, que seguiría plantando guerra ao arcebispo de Santiago Fonseca II.

Copia manuscrita do libro Vasco da Ponte :”..este Alvaro Perez duró poco y segun fama entrando en la coba da Curuja a buscar un gran tesoro por consejo de un freyre que era gran Nigromante…”

Vasco da Ponte no capítulo XIII do libro, adicado a casa dos Moscoso, infórmanos   deste membro da dinastía dicindo: “Finado Bernal Eanes herdou
a casa Alvaro Pérez de Moscoso, o cal non fixo fazañas, agás que, unha noite saiu do Val da Barcia e veu o val de Meis e queimou preto de Santa María de Loureda a dous homes nunha casa, a pesar de cantos o viron e sentiron, pero as outras non son dignas de escribir”.

O tesouro da cova

No apartado que narra o relato fantástico e que semella ter a mesma carga documental que toda a outra información, clave para entender a historia da
evolución dinástica de gran parte da nobreza deste tempo, lemos:

“Este Alvaro durou pouco e segundo fama entrando na cova da Curuxa a buscar un gran tesouro por consello dun freire que era gran nigromante,
e levando consigo trinta escudeiros e peóns moi valentes, a ante eles moitas achas acendidas e tizóns moi grandes de carballo, cordas longas amarradas na entrada da cova con estacas e a xente armada, e entrando pola cova dentro atoparon aves tan grandes que lle daban golpes na cara moi grandes, e andaron ata chegar a un río de gran caudal, e viron na outra ribeira xentes estrañas fermosas ricamente vestidas, tanxendo instrumentos e vendo pasar e todos acordaron dar a volta, mais o freire dicía: – Adiante, adiante, que non é nada; e eles non o quixeron crer . E entón saiu un vento tan grande que lles apagou as achas. E, malia ser tan bo día cando sairon deu contra deles un vento envelenado que ninguén deles saíu do ano con vida, e o freire despois perdeu a vista dos ollos. Este Álvaro Pérez poñíase a facer grandes cousas, pero non salía delas”.

Unha cova no Pico Sacro

Moitos autores, creran ou non o relato, intentaron localizar onde estaría esta cova dos encantos e algúns queren situala nas terras do Ulla,
outros nas covas do Folón en Coruxo, (Vigo) e outros din que por debaixo do Pico Sacro. Non cabe ningunha dúbida que a historia entronca coas lendas de mouros e magos que custodian grandes tesouros no submundo sumerxido da nosa terra, pero a cuestión sería averiguar de que morreu en verdade Álvaro Pérez e por que un relato tan fantástico ten cabida nun libro onde se supón que Vasco Da Ponte quería dar fe verdadeira das cuestións relevantes da nobreza galega.

 

Bibliografía

Vasco da Ponte. Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galicia.
Versión en Galego. Edición de Clodio González Pérez. Ed Toxosoutos. 2008

Vasco da Ponte. Recuento de las casa antiguas del Reino de Galicia.
Manuscrito. 1660. Biblioteca Digital Hispánica (Biblioteca Nacional de España)

 

Escrito por

Divulgador