fbpx
Avoa e neta / mimirebelleCC0

Como coñecer a historia do feminismo en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O feminismo tamén ten a súa historia dentro da historia de Galicia. E non son en absoluto poucos os exemplos de mulleres valentes que trataron de cambiar a historia do noso país e de loitar polos dereitos e o papel que lle corresponde lexitimamente na nosa sociedade. Personaxes coma Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro ou Concepción Arenal son de sobra coñecidas entre quenes defenderon o papel activo das mulleres na construción do país. Mais o movemento feminista non só se limitou a certas mulleres valentes, senón tamén nace e se consolida dende o fondo de importantes movementos sindicais coma o das cigarreiras da Coruña.

Debates Feministas

Precisamente o Concello de Santiago de Compostela está a organizar actualmente o seminario Debates Feministas, que se celebra, de xeito gratuíto, todos os venres as 19.30 na Casa das Mulleres Xohana Torres, no barrio de Sar. Este ciclo de debates, inaugurado o pasado día 2, e enmarcado no programa de actos para conmemorar o día internacional da muller, tratarán, ó longo de oito venres, algúns dos temas máis destacados sobre muller, sociedade e feminismo. Trataranse temas como o papel das mulleres no ámbito cultural, xustiza e xénero, a muller nos medios de comunicación, prostitución, saúde ou ciberfeminismos.

Graffiti sobre a muller galega / foto avelinapichelCC0

Un ciclo de debates, nos que, segundo o Concello “participarán mulleres imprescindibles que dende diferentes perspectivas e ámbitos abordarán cuestións fundamentais relacionadas coas desigualdades de xénero, reivindicacións e mobilizacións feministas do pasado e do presente”.  Entre elas ensalzarase a figura da escritora e activista Xohana Torres, quen da nome a recén inaugurada Casa das Mulleres da cidade, presentándose ademais o seu libro Elixías a Lola.

Precisamente será o venres 6 de abril ás 19.30 da tarde cando no marco deste ciclo de debates se aborde a historia do movemento feminista galego. Será da man da historiadora e feminista Encarna Otero quen se encargará de conducir o debate sobre a historia do feminismo no noso país. A charla contará tamén coa presencia de Nanina Santos, redactora da da revista Andaina, así como das activistas María Xosé Queizán, Luisa Ocampo e Lupe Ces. De seguro será unha xornada excepcional, non so para coñecer a historia do feminismo feito dende o noso país, senón para achegarse a través do debate a unha máis que necesaria revisión crítica do seu papel e necesidade no momento actual.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...