fbpx
Detalle do Cartaz da XV Feira Medieval / Concello de Monforte

Monforte, a vila á que a Xunta non lle recoñece o seu excepcional pasado medieval

Tempo de lectura: 3 min.

O Condado de Lemos foi un dos máis importantes de Galicia durante a Idade Media, chegando a ser as súas posesións as máis extensas de todo o Antigo Reino, incluso fora das nosas actuais fronteiras. A historia de Monforte é rica neste período e así dan conta aínda a día de hoxe os seus monumentos. Sobre todo o importante conxunto patrimonial que ocupa o monte do Pino, co seu mosteiro bieito de San Vicente, hoxe Parador, a torre da homenaxe do histórico castelo, derrubado polas revoltas irmandiñas e reconstruído polos vencidos, e parte das murallas e do caserío que trepaba ó redor da antiga fortaleza. A vila de Monforte, consciente do seu rico pasado medieval, un ano máis, e xa van quince, volverá a organizar a súa Feira Medieval e a viaxar no tempo cara aquel brillante momento da súa historia.

Esta feira, unha das festas históricas máis importantes de Galicia, coincidirá este ano coa Semana Santa, celebrándose o sábado 31 marzo e 1 de abril. Nesta edición continúase co crecemento que tivo nos pasados anos, sendo unha das festas históricas de Galicia, máis importantes destes primeiros meses do ano. A festa contará este ano con 161 postos, e gañará varias localizacións fronte o ano pasado, coma a praza das Clarisas ou o Campo de San Antonio.

As exhibicións de cetreiría foron unha constante nesta festa / ValerynaCC0

“Este ano queremos facer unha campaña de difusión da Feira moito máis intensa”, manifestaba na presentación o alcalde, José Tomé, afirmando que este ano se investirán fondos maiores en promoción. De feito este ano foron coidados especialmente tanto o cartaz, deseñado por Xosé Quiroga, coma o vídeo promocional, feito por Amanita Films. O primeiro presenta unha peculiaridade, xa que é unha muller guerreira a protagonista, guiño o movemento feminista. O segundo, recollendo imaxes dos anos anteriores leva a sinatura de Iván Patiño.

De feito este ano a presentación da festa ven acompañado dunha importante polémica coa Xunta de Galicia. Pois dende o Concello de Monforte se tramitou unha solicitude para declarar a feira como Festa de Interese Turístico Galego, pero foi respondido negativamente por parte do goberno galego o pasado xoves, xa despois da presentación. A Consellería de Turismo afirma que a festa non ten a antigüidade necesaria para a declaración, mentres que o goberno local afirma si contar con todos os demais criterios, considerando o feito, un xeito de maltratar a Monforte por causa da súa cor política.

As xustas son outro dos elementos a destacar da festa _ GobbleGGCC0

O certo é que a Feira Medieval de Monforte é un éxito ano tras ano. Ademais das máis de 160 casetas que haberá este ano, con artesanía, produtos da terra e gastronomía, haberá malabares, zancudos, exhibicións de cetrería e representacións teatralizadas, incluíndo espectáculos nocturnos e xustas. Pero a festa destaca sobre todo pola implicación de habitantes e forasteiros que, dende vai quince anos, a viven intensamente, caracterizándose adecuadamente para a ocasión.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...