Denuncian que 50 grandes xoias do románico quedarán sen protección no BIC Ribeira Sacra
No medio e medio da Semana Santa remataba o prazo para achegar alegacións á incoación do expediente BIC da Ribeira Sacra. Un primeiro paso para solicitar ante a Unesco a declaración da mesma como Patrimonio da Humanidade na modalidade de paisaxe cultural.
E, durante este proceso, foron varias as entidades que se amosaron moi críticas con este procedemento; primeiro pola súa rápida tramitación e, segundo, por non ter en conta moita das alegacións ou aportacións das entidades locais. Unha delas, O Sorriso de Daniel denuncia que o expediente non tivo en conta, e polo tanto deixou sen protección, 50 edificios románicos da zona.

Pena do Castelo, na Ribeira Sacra / Senderismo Galego
Curiosamente, a Ribeira é coñecida como Ribeira Sacra porque nas terras que rodean ese tramo dos ríos Miño e Sil se ergueron ducias de eremitorios, mosteiros, igrexas parroquiais que lle deron ese carácter Sacro. Unha concentración de arte medieval que non ten o suficiente recoñemento na candidatura e que priva á candidatura dunha das súas maiores fortalezas. “Unha paisaxe cultural éo se se recoñece nela a pegada da xente sobre o territorio. Sen o que significaron ese centros espiritutais pero tamén económicos non se entendería a Ribeira Sacra”, apunta esta entidade.
BENS EXCLUÍDOS
Desde a entidade Por Chantada, Participación Democrática Directa, tamén se suman a estas críticas e apuntan algúns dos bens excluídos:
- Eremitorio de O Cotillón, aldea de San Román de Acedre, Pantón. Esta capela escavada nun penedo, nas rochas dunha ladeira próxima ao Cabe e que foi aproveitada como adega polo dono da casa anexa, actualmente en venda. Conta cunha planta de cruz latina e nave de 10 metros e brazos laterais de 5 metros. As persoas especialistas datan a construción do século VI ou VII e constituiría a testemuña máis antiga do monacato na Ribeira Sacra.
Outras construcións como o mosteiro e a igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada, conxunto dun particular tamén se atopan en venda, sen que de momento se poida protexer debidamente segundo o contido no artigo 14 na Lei 5/2016, do patrimonio cultural da Galiza.

Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal
Ademais, esta entidade política denuncia que durante o proceso de alegacións nin de consultas deste expediente non se tivo para nada en conta ás entidades locais. “A exclusión dos indíxenas neste expediente é propria de calquera modelo gobernativo colonial e non dunha institución, a Xunta da Galiza, que di ser goberno galego e non simplemente goberno español na Galiza”, destaca.
Por outra banda, e segundo apunta O Sorrio de Daniel, o BIC será unha “porta aberta para as empresas extractivas, siderúrxicas, enerxéticas e mil muros de contención para os viticultores”. Do mesmo xeito denuncia que se trata dun “mapa trazado a man alzada escapando dos núcleos de poboamento para non comprometerse coa súa rexeneración” e que hai “cero compromisos” coa conservación e protección do patrimonio. Podes consultar as alegacións aquí.
Foi tanta a incerteza que este expediente causou entre entidades, empresas e veciños da zona que o PSdeG xa propuxo a necesidade de ampliar “polo menos, dous meses máis” o período de alegacións previo á declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) chegará ao Parlamento galego da man do deputado socialista José Antonio Quiroga, quen xa rexistrou iniciativas parlamentarias neste senso.