fbpx
Orfeo. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

Colmeiro, Orfeo ou a Inmortalidade da Arte. I

Tempo de lectura: 7 min.

“E xa completei a miña obra, que nin a cólera de Xúpiter nin o lume nin o ferro nin o voraz tempo poderá destruír. Que cando queira aquel día, que non ten ningún dereito a non ser sobre este corpo, poña fin ao transcurso da miña insegura vida: sen embargo, na mellor parte de min serei levado ao eterno por enriba dos elevados astros, e o meu nome será indeleble e, por onde se estende o poderío romano sobre as domeadas terras, serei lido pola boca do pobo, e ao longo de tódolos séculos, grazas a fama, se algo de verdade teñen os vaticinios dos poetas, VIVIREI”

Metamorfose. Epílogo. Ovidio (47 a.C-17 d.C).

A luz, as campías, as montañas e a auga son as pedras angulares que sustentan a vida nos lenzos de Manuel Colmeiro. Baixo o influxo da luz, ponse en contacto ao espectador cunha realidade matizada pola descomposición da luz branca. Mediante os seus cadros, vese a terra galega con ollos interiores. Non se ve como unha sucesión de bosques e montañas con pobos e vestixios en decadencia, senón como unha percepción da existencia cunha enerxía ondulatoria propagada polo espazo. Xestos e obxectos inmunes ao paso do tempo. Unha dimensión na que unha fraga, un pan ou unha mazá son símbolos que se proxectan mais alá de si mesmos.

Orfeo é o tema central deste cadro. No lado dereito inferior está firma do artista -M.Colmeiro- e a data na que foi pintado -53-. Trátase dun dos lenzos que forman parte do conxunto que inclúe outra versión da mesma obra e unha representación do mítico músico e poeta grego atravesando un espeso bosque, sen identificar como se trátase do seu paso polo Inframundo ou do seu camiño pola Terra tras dárselle a negativa a volver a entrar nel. Este conxunto foi realizado no momento no que Colmeiro vivía en París, onde vivía e tiña o seu obradoiro. Estas pinturas apareceron no tempo no que o artista floreceu dentro dunha galaxia de pintores galegos. De estilos moi diferentes Laxeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Torres, Carlos Maside e, entre eles Colmeiro, constitúen a maior grandeza de ser Os renovadores, o movemento pictórico que expresou finalmente a simbiose explorada dende 1918 na que flúen cultura europea, carácter galego i espírito de Vangarda.

A cabeza de Orfeo. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

O mito de Orfeo

Este pintor, que estudara por si mesmo teoría e historia da Filosofía, coñecía a figura de Orfeo. O mito bebe das fontes antigas gregas e romanas. A súa nai é Calíope, “A da bela voz”. Foi a primeira das Musas e chamada en certos escritos, recollidos no Certame e a Teogonía (VIII-VII a.C.) de Hesíodo (700 a.C), a nai de Homeiro. É a mais importante destas deusas, protectoras das Artes e as Ciencias. Cantan aos deuses e danzan na súa honra no Olimpo. Tamén son quen outorgan o don da verba, o canto e a música aos mortais. Nos seus dons, poesía e profecía van da man. Esta capacidade ven da nai de todas elas, Mnemósine. É unha das tres Musas orixinarias, xunto con Mélete (Preocupación) e Aede (Respecto). Ela é Mneme (Lembranza). As tres viven no Helicón, pero Mnemósine reina nas lombas de Eleuter. É por iso que da súa unión con Zeus naceran 9 fillas, as 9 Musas:  Calíope (Poesía Épica e a Elocuencia), Clío (Historia), Urania (Astronomía e Astroloxía), Erato (Poesía), Terpsícore (Coros e Danza), Talía (Poesía bucólica e Teatro de Comedia), Melpómene (Harmonía Musical e Teatro de Traxedia), Euterpe (Música) e Polimnia (Cantos Sagrados/Lírica Sagrada).

A Musa Calíope, que na Teogonía “esta é a que a mais destacada de todas, pois acompaña aos venerables reis”, vivía coas súas irmás no Olimpo. Sen embargo existen dous sitios nos que as Musas tenden a aparecer: Beocia no Helicón e Tracia en Pieria. En Beocia as Musas están ligadas directamente a Apolo, que dirixe os seus cantos en torno a Fonte Hipocrene. Pero en relación ao noso músico e poeta, o sitio mais destacado é Tracia, pois están preto do Monte Olimpo i é o espazo relacionado con Orfeo.

Orfeo. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

O fillo de Apolo

O seu pai é o deus Apolo; o vínculo do deus coa música ven do seu nacemento, cando a súa nai Leto logrou alcanzar a Illa de Delos. Segundo o Himnos IV, a Delos (55-61 e 198-215) de Calímaco (310 a.C-240 a.C) -quen recibira do rei Ptolomeo II o encargo de organizar a Biblioteca de Alexandría- uns cisnes “deron a volta sete veces en torno a Delos, e sete veces cantaron durante o parto como aves das Musas que eran, as mais melodiosas de cantas teñen ás: por iso o Neno, mais adiante, atou  a súa lira tantas cordas como veces os cisnes celebraron o seu parto. Xa non cantaron por oitava vez, e el naceu”.

Pero do deus Apolo tamén ven o don da visión do Destino. Como fillo de Zeus, segundo os Himnos Homéricos (III, a Apolo 131s) ao nacer dixo: “Sexan para min a cítara e o curvado arco! E revelareille aos homes a infalible determinación de Zeus”. Ademais de Orfeo, Apolo é o pai do augur Mopso, fillo de Manto e o deus. Por esta razón no seu poder van unidos a música e o profético, algo presente no termo latino vatis que significa tanto “poeta” como “adiviño”. Pero xunto o sibilino tamén está a Inmortalidade ligada de maneira intrínseca a Arte. O loureiro é a árbore consagrada a Apolo, por ser a árbore en que foi transformada Dafne, a ninfa de quen estaba namorado. (Apolo na Metamorfose de Ovidio di: “Está ben, posto que xa non podes ser a miña muller, polo menos serás a miña árbore” (I 452-474 e 539-558).

Apolo converteuno no seu símbolo, o signo da Vitoria de cantas artes esten baixo a súa protección e a das Musas. Polas súas follas sempre verdes, empregase tamén como símbolo de eternidade e inmortalidade. Non é de estrañar as verbas de Hesíodo no comezo da súa Teogonía: “(as Musas) déronme un cetro tras ter cortado un admirable gromo de florido loureiro; infundíronme unha voz divina, para que celebrar o futuro que ven e o pasado, e incitáronme a celebrar a liñaxe dos felices sempiternos e a cantarlles a elas mesmas sempre ao comezo e ao final”.

Orfeo no camiño. 1953. Manuel Colmeiro Guimarás. Cedida amablemente pola Galería Montenegro (Vigo).

A traxedia de Orfeo e Eurídiche

Polos autores gregos coñécese a Orfeo. Ten un irmán chamado Lino, tamén músico -foi quen ensinoulle a tocar instrumentos e a cantar a Heracles- e un fillo, Dres. Como cultivador do canto e a poesía coa cítara, era capaz de facer medrar a Natureza, conmover as rochas e árbores, así como chamar e amainar aos animais. Casou coa ninfa Eurídice, quen nun paseo coas Náiades, foi mordida por unha víbora no seu talón. Grazas a Apolodoro de Atenas (Atenas 180 a.C – Pérgamo 119 a.C), sábese da súa historia ao tratar de recuperar a Eurídice no libro I, 3, da Biblioteca mitolóxica (II a.C). A ninfa morreu a causa do veleno e, ante a desesperación de perdela, Orfeo descendeu ao Inframundo. Ao conseguir atravesar a Lagoa Estixia e chegar a outra beira cantou aos soberanos dese Imperio, a deusa Perséfone e o deus Hades. Conmoveu a ambos para facela regresar a superficie, e púxoselle a condición de non volverse para mirala ata que estivera na súa casa. Por medo ou desconfianza, en pleno camiño volveuse e contemplou a súa muller, que volveu abaixo. O barqueiro Caronte non accedeu a levalo de novo pola Estixia, polo que Orfeo quedou as beiras da Lagoa durante unha semana e sen querer comer, lamentando a súa perda irreparable.

Manuel Colmeiro. 1977. Retrato fotográfico tomado por Xosé Díaz. Reproducida co permiso de Xosé Díaz.

Ao regresar a superficie da Terra Orfeo vagou polas campías e os bosques, e ao cantar o seu lamento facía medrar ao mesmo tempo todo o que o rodeaba no seu paso. Tras fundar os Misterios de Dionisio e ante a súa devoción, as Ménades sentíronse afrontadas e descortizárono. Noutros relatos, as nais dos cicóns foron as responsables da súa morte durante as festividades dos deuses e os ritos de Dionisio. Os restos do seu corpo foron lanzados aos campos e a súa cabeza e cítara ao río, pero aínda decapitado, Orfeo continuaba cantando mentres percorrías as augasE ao chegar a beira dunha praia, foi enterrado en Pieria. Co seu cántico final Orfeo quedou consagrado como un símbolo artístico da Inmortalidade. Tanto foi así que Platón (427 a.C-497 a.C), na súa Apoloxía de Sócrates (41 a-c) faría alusión a este simbolismo ao dicir o filósofo: “Canto daría algún de vos por estar xunto a Orfeo, Museo, Hesíodo e Homeiro? Eu estou disposto a morrer moitas veces, se iso é verdade. Por outras razóns son os de alí mais felices que os de aquí, especialmente porque xa o resto do tempo son inmortais, se é verdade o que se di”.

Perséfone (Proserpina). 1874. Dante Gabriel Rossetti. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 1251 x 61 cm. Tate Britain, Londres.

As metamorfoses

O amplo coñecemento deste relato débese, sobre todo, a obra dos autores latinos Virxilio (70 a.C-19 a.C) -co libro IV das súas Xeórxicas– e sobre todo, Ovidio (47 a.C-17 d.C) co libro X das Metamorfoses. O escritor dedicou este libro de poemas as maiores transformacións de persoas en diferentes corpos. Ben podían converterse en pombas, aguias, cisnes e bufos. Ou en lobos, osas, leóns, corzos, golfiños, arañas e serpes. Pero tamén en pedras, fontes, ríos, illas i en flores e árbores como xacintos loureiros, o incenso e a mirra.

As mais extraordinarias son as metamorfoses astrais, como en estrelas e constelacións, e as retromorfoses producidas polo contacto con outros espazos paralelos ou os feitizos. Debido a que a que a esencia do carácter da persoa mantíñase na transformación, a metamorfose adquiría un senso simbólico. A nivel artístico este cadro de Colmeiro evoluciona as representacións de Orfeo realizadas na arte europea, sobre todo daquelas imaxes que xurdiron no século XIX, época na que o Simbolismo tivo nesta figura un dos seus maiores referentes. Así neste lenzo, coa cabeza de Orfeo coroado coa súa cítara, o pintor ven a plasmar o punto culminante desa metamorfose do poeta, o músico, o artista, como un santuario do Humano.      

A morte de Orfeo (Orfeo morto). 1893. Jean Delville. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 79,3 x 99,2 cm. Guggenheim Museum (NY).

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...