fbpx
Petróglifo queimado no Coto da Cidade, en Pontecaldelas / Pablo Eirín- Patrimonio Galego

Inician unha batalla política para evitar que se planten eucaliptos en zonas arqueolóxicas queimadas

Tempo de lectura: 3 min.

Os últimos datos recoñecidos pola Xunta, que son do 2016, tomados pola comisión do novo Plan Forestal como referencia, indican que hai 330.000 hectáreas puras de eucalipto e outras 160.000 hectáreas de eucalipto mixturado. En total, poderiamos estar falando de 490.000 hectáreas con eucaliptos en Galicia.

A previsión do Plan Forestal da Xunta elaborado no ano 1992 era dun máximo de 245.000 hectáreas para o ano 2032, cifra máis que superada xa na actualidade. “Nós cremos que a propia Xunta de Galicia está mirando para outro lado e permitindo que se contraveñan as súas propias normativas”, denunciaron este xoves a eurodeputada galega Lídia Senra e a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao.

Castro de Chavaga, en Monforte, arrasado por maquinaria pesada que traballou nel para recoller madeira / En Marea

Patrimonio queimado

Nunha comparecencia de prensa en Monforte, lembraron que a Orde de 19 de Maio de 2014, o eucalipto queda excluído do Distrito forestal VIII, Terra de Lemos. “Por outro lado, entendemos que a introducción de eucaliptos neste Distrito, contravén as letras a, b, c, d, f e k do punto 23 da Decisión Ministerial de Oslo sobre o Mandato para a Negociación dun Acordo Xuridicamente Vinculante sobre Bosques en Europa asinado polo Estado Español e pola Unión Europea”, dixo Senra. “Hai toda unha serie de regulamentación tanto europea como galega que se está contravindo. Debemos traballar contra o lume e traballar na liña de evitar eucaliptos no distrito VIII. É responsabilidade única e exclusivamente das autoridades”, engadiu Paula Vázquez Verao.

Por iso, tanto a eurodeputada como a parlamentaria galega exixiron que a Xunta de Galicia actúe de forma responsable e cumpra a súa propia normativa en materia de protección do patrimonio cultural e natural. E o fixeron logo de que a retirada de madeira queimada danara gravemente o castro de Chavaga, en Monforte.

“Permitir que se dane o castro de Chavaga cos traballos de retirada da madeira queimada durante os lumes do pasado outono e permitir plantar eucaliptos como se está facendo noutras zonas da parroquia que forman parte do Distrito Forestal VIII, que comprende o sur da provincia de Lugo, e sobre terreos que xa foron queimados, é alimentar os lumes do futuro”, advertiu Senra durante a rolda de prensa.

Lidia Senra, Paula Vázquez Verao e varios veciños comproban como quedou o castro de Chavaba tras o paso de maquinaria pesada / En Marea

Iniciativas

Ambas as deputadas deron conta das iniciativas rexistradas tanto no Parlamento Galego, como no Parlamento Europeo, e ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, referidas a estes asuntos, e resultantes dunha visita que ambas as dúas realizaron a Chavaga hai unhas semanas. “Son cuestións preocupantes para o futuro do país e a nivel medioambiental e de afectación para as persoas que viven na comarca de Monforte porque deixar plantar eucaliptos pode traer máis lumes no futuro”, recalcou Senra, quen criticou duramente ao Goberno galego por “ternos acostumadas a mirar para outro lado e permitir actuacións que poden danar o patrimonio e ter consecuencias graves”.

“Pedimos que a Xunta, conforme á súa lei, nos diga se estaban concedidos os permisos pertinentes para actuar no castro de Chavaga e se eses traballos de retirada da madeira afectaron á zona. Entendemos que pode ser, porque hai movementos de terras. Sendo un castro dunha importancia histórica constatada, pedimos tamén que a Xunta aprobe fondos para estudar a contorna, divulgala e protexela”, engadiu Vázquez Verao.

Pode que che interese...