fbpx
Antonio Eiras Roel / Ediciones 19

Homenaxe da USC a un dos grandes historiadores galegos; Antonio Eiras Roel

Tempo de lectura: 2 min.

A Universidade de Santiago homenaxeará in memoriam esta semana ao seu profesor Antonio Eiras Roel, finado en xullo do ano 2016. O acto será o xoves 8 ás 9.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.

O profesor Eiras Roel ocupou ao longo de varias décadas a Cátedra de Historia Moderna da USC, dende a que promoveu unha importante renovación metodolóxica da investigación histórica nos ámbitos que foron obxecto dos seus estudos, contribuíu á formación de varias xeracións de historiadores que pasaron polas súas aulas, dirixiu numerosas teses de doutoramento e foi mestre na formación de novos profesores universitarios.

Cronista de Galicia, Eiras Roel foi presidente tamén da Comisión Internacional de Demografía Histórica e correspondente da Real Academia de Historia. No seu haber conta, entre numerosos recoñecementos, co premio López Ferreiro de Investigación e a Medalla Castelao.

A homenaxe consistirá en tres relatorios, que comezarán con Bernard Vincent e ‘A Peste Atlántica en Galicia: novas achegas’ e continuarán con Juan E. Gelabert González, que falará de ‘Tres fitos da Pax Hispanica: 1598, 1604, 1609’. A sesión rematará coa intervención de Francisco Fernández Izquierdo, que fará unha lembranza de Antonio Eiras, fundador e primeiro presidente da Fundación Española de Historia Moderna (1988-1991).

“O valor da obra do profesor Eiras Roel, considerado como unha autoridade entre os investigadores europeos dedicados ao estudio do Antigo Réxime, radica no seu carácter analítico, orixinal e de innovación metodolóxica con resultados novidosos para o coñecemento de aspectos fundamentais da Historia Moderna, e en particular da Historia Moderna de Galicia á que, desde unha perspectiva comparatista, consagrou os principais esforzos, desenvolvendo diversas liñas de investigación como a teoría e metodoloxía da Historia, a Historia social, a Historia rural, a Historia económica, a Demografía histórica e a Historia institucional”, apuntan desde a USC.

Cando se xubilou, a comezos da pasada década, compañeiros seus da Facultade compostelá editaron o libro Universitas. Homenaje a Antonio Eiras Roel, que coordinaron os profesores de Historia Moderna Camilo Fernández Cortizo, Domingo L. González Lopo e Enrique Martínez Rodríguez.

Pode que che interese...