Óleo representando un naufraxio do século XIX

Así devorou un temporal da Costa da Morte ao vapor Trinacria hai 126 anos

Tempo de lectura: 6 min.

Cúmprense 126 anos do naufraxio do vapor Tinacria, no lugar onde apenas pouco máis de dous anos antes, naufragara o tristemente célebre Serpent. Imos a contar este suceso segundo recollemos dos xornais da época e, empezamos polo xornal, “La unión católica”, que o xoves día 9 de febreiro escribe:

“En Penas Bermellas, preto da Punta do Boi, a 6 km de Camariñas, aconteceu onte un naufraxio terrible. O fermoso vapor inglés de hélice Tinacria encallou nunha rocha, perdéndose case toda a tripulación. O desastre aconteceu ás 6 da mañá, cando aínda facía escuro, a causa principalmente da cerrazón. O buque, desviado do seu derroteiro e arrastrado por unha corrente, foi levado con gran impetu contra as rochas, desfacéndose case completamente ó choque.

A borraxeira impediu velas luces do faro Cabo Vilán. Dos 37 tripulantes e 4 pasaxeiros que o Tinacria levaba a bordo, pereceron 34. Os 7 superviventes  son 6 mariñeiros e un maquinista. Ningún deles acerta a darse conta de como se salvou.

O pavor da noite

O repentino choque e a escuridade fixeron máis espantosa a catástrofe. Non houbo tempo para nada, pois o pánico fixo que todo o mundo se precipitara a buscar a salvación como mellor puidera, vendo ca auga invadía a torrentes o buque e que este desfacíase ó embate furioso da oleaxe. Os náufragos din que eles tiráronse a auga e que despois de pelexar moito, e de ser batidos algunha vez contra as rochas, debeunos coller algunha corrente que os levou a praia. Están case espidos, e dous deles teñen lesións de importancia. O Tinacria atópase actualmente sobre a rocha na que encallou. Perdeu paos e ten esnaquizada a obra morta. Non tardará en desaparecer por completo, porque cinguen a pena unhas espantosas rompentes. Por este motivo houbo que desistir de enviar lanchas que salvaran algunha parte do cargamento. Este era grande e de carácter xeral.

O mar empeza xa a tirar a praia cadáveres e restos do naufraxio. Por todas partes vense flotar madeiros feitos astillas, barrís de esperma e outras materias graxas, bocois de alcohol, etc”.

Así o recolle a prensa da época

No xornal “El imparcial” titula “Naufraxio do Tinacria, 34 mortos”.

“Londres día 8 (11 da noite). Acaba de terse aquí unha nova de que o vapor de hélice Tinacria, que ía de Glasgow a Xibraltar, naufragou non lonxe de Cabo Vilán, en Galicia, no mesmo sitio onde se perdeu faai dous anos o buque de guerra inglés Serpent.

Sábese que case toda a tripulación e os pasaxeiros morreron. Aquí a nova que se ten é por un telegrama da Coruña enviado por un dos salvados do desastre –Moore- Coruña 9 (3 da madrugada).

O xornal “El correo español” escribe: “Segundo telegrama recibido do ministerio de Gobernación, o alcalde de Camariñas comunicou o comandante de Mariña da Coruña que ás 6 da madrugada de onte perdeuse no sitio chamado Pedras Vermellas, xunto a Punta do Boi, o vapor inglés Tinacria que se dirixía de Glasgow a Xibraltar.

O venres día 10, o xornal “El correo español” dá máis datos.

“Perdeuse por completo o magnífico vapor inglés Tinacria, que naufragou na Punta do Boi (Camariñas). Procedía de Glasgow e dirixíase a Xibraltar, Xénova e Liorna con cargamento de carbón, ladrillos e ferro. Conducía 33 tripulantes e 4 pasaxeiros das cais pereceron 30. Dos 7 que se salvaron son: Jhon Roust, primeiro maquinista; James Temple, Jhon Mowsan, Donald Megillp, Andrews Ralstou, Thomas Moore e Jhon Relly. Un destes últimos, que está bastante enfermo, quedou en Camariñas, e os restantes náufragos veñen a Coruña para presentarse no Consulado inglés. Asina este artigo un tal Fabra.

Capitan Murray, do naufraxio do Trinaquia, en Camariñas

O xornal “La Iberia” tamén escribe:

“Conducía 4 pasaxeiros: unha nai e as súas tres fillas. Atribúese o sinistro á densidade da néboa e á desviación da agulla, que deberon facer que o piloto, perdendo o rumbo, levara o barco a estrelarse contra as rochas. Cando aconteceu a catástrofe eran as seis menos dez da mañá. A dita hora todo o mundo durmía, agás o persoal que estaba de servizo”.

Ademais dá os nomes dos superviventes, que cambian un pouco con respecto o que publicou o Correo Español. “Os que se salvaron chámanse: John Rust, primeiro maquinista; James Semple, John Negowan, Donald Megillep, Andrew Balston, Thomas Moore e John Kelly, mariñeiros”.

O domingo 12, o xornal “La correspondencia de España” escribe:

“Na mañá do 7 do corrente tivo nova o axudante de mariña de Camariñas de que entre o cabo Trece e as Valeas, e moi inmediato ó lugar da costa nomeado Punta do Boi, encallara un buque vapor, o parecer de nacionalidade inglesa. Apresurouse dito funcionario a dar coñecemento do suceso ó alcalde de dita vila, e pouco despois das 9 da mañá, dacordo este coa administrador de Aduana e outros caracterizadas persoas, dispuxeron dirixirse  cara o punto do sinistro, distante de Camariñas uns 6 km aproximadamente.

A saída da localidade atoparon nunha revolta do camiño a 5 infelices mariñeiros, rendidos de fatiga e coas roupas desfeitas, que segundo manifestaron procedían do buque náufrago e acababan de chegar a terra a nado, loitando durante moito tempo co revolto oleaxe que lles impedía verificalo, debendo verdadeiramente a súa salvación a un milagre.

Como un dos mariñeiros achábase lesionado, aínda que non de consideración, efecto dun golpe que recibira, o médico D. Tomás Arza, que acompañaba aos expedicionarios, practicoulle alí mesmo a primeira cura, procurándolles logo o alcalde, con humanitaria solicitude, albergue e vestidos con que cubrir os seus corpos. Antes de volver a emprender a interrumpida camiñada, indicou así mesmo, dita autoridade local ó médico D. Luciano Lema Pazos, a conveniencia de que saíra para o lugar de Pescadoira, parroquia de Xaviña, onde, segundo parte traído por un propio montado, lograron arribar outros dous náufragos, que tamén se atopaban feridos”.

Naufraxio do barco Trinacria, en Camariñas, no mesmo lugar onde o fixo o Serpent

O corresponsal do xornal “La correspondencia de España”, escribiría o 15 de febreiro e publicado o 16, o seguinte artigo:

“Hoxe conseguín falar con John Rust, maquinista do vapor inglés náufragoTinacria,  que como é sabido perdeuse nas augas de Camariñas. Dito maquinista tivo a amabilidade de facilitarme os seguintes detalles referentes o buque. Este partiu de Glasgow o día 7 de febreiro, acontecendo o naufraxio ás seis menos cinco da mañá.

Di que o Tinacria navegaba con tempo duro, non explicándose o sinistro, pois o retirarse a durmir, cinco minutos antes de ocorrer o sinistro, non había borraxeira percibíndose terra distintamente. Atribúe a desgraza a unha equivocación de luces, pero aínda así non acaba de comprender como o buque fixo rumbo á costa.

O Tinacria ó embarrancar ficou partido pola metade, facendo auga inmediatamente. Os 7 individuos que se salvaron fixérono despois de grandes fatigas e traballos. Todos aqueles estaban durmindo e o sentir o fortísimo topetazo apenas tiveron tempo para subir a cuberta, apoderándose das boias salvavidas, sendo arrebatados polas ondas. Os referidos náufragos permaneceron vinte minutos no mar loitando tenazmente ata conseguir gañar terra. Nos momentos do naufraxio estaba de garda, dirixindo o rumbo o primeiro oficial de a bordo. Os 7 individuos salvados pertencían o departamento de máquinas. Tódolos mariñeiros morreron.

Mulleres mortas

Os pasaxeiros ascendían ó número de catro, tres señoras e unha moza de 15 anos de idade. Unha daquelas era a muller dun misioneiro protestante que estaba en Xibraltar. Este trasladouse a Camariñas co obxecto de recollelo cadáver da súa muller, o cal non puido conseguir. Actualmente dito misioneiro atópase na Coruña. As outras dúas señoras pertencían á benéfica institución de San Vicente de Paul e dirixíanse a Xibraltar para exercer alí de “Hermanas de la Caridad”.

Tomaron terra: non atoparon xente, ían espidos, e en tan lamentable estado andiveron preto de 3 millas, atopando por fin algunhas mulleres, as cais, despoxáronse das súas saias e mantóns para abrigalos. En Camariñas queda un dos pobres náufragos, que ten destrozados ámbalas pernas.

O buque pertencía a compañía Angholine de Glasgow. Os náufragos refírense a catástrofe con mostras de profundo terror. A rapidez do sinistro impresionounos tanto que continúan sobrecollidos. Están agradecidos a hospitalidade da xente de Camariñas”.  –Corresponsal-.

O SS Tinacria foi construído en 1871 por Robert Duncan & Co. Ltd, de Glasgow, para Anchor Line Ltd., Henderson Bros., Glasgow . Tiña unha tonelaxe bruta de 2.256 tn e unha tonelaxe neta de 1.418 tn. As súas dimensións eran de 93,3 x 10,5 x 6,7 m. Tiña unha potencia de 424 n.p.h. e unha velocidade de 12 nós. Estaba baixo o mando do capitán Samuel Murray e era un barco mixto de vela e vapor con tres mástiles  que transportaba carga e pasaxeiros.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: