fbpx
Igrexa de San Xoán de Panxón, en primeiro plano / Galicia turismo

Ten que ver o boom construtivo das igrexas altomedievais galegas cos ataques viquingos e musulmáns?

Tempo de lectura: 2 min.

Durante os últimos anos, o proxecto EMCHAHE (Early Medieval Churches: Archaeology, History and Heritage), conducido pola Universidade de Santiago, estivo explorando os restos arquitectónicos das primeiras igrexas medievais en Galicia. Agora, e tal e como publica o xornal Galicia Confidencial, os investigadores presentan os resultados da luminiscencia e a datación por radiocarbono da argamasa de catro igrexas medievais: Santa María de Mixós (Monterrei) e os restos dos antigos templos de San Adrián de Amiadoso (Allariz), San Breixo de Ouvigo (Os Blancos) e San Xoán de Panxón (Nigrán). Os resultados permiten un novo relato sobre a historia das igrexas altomedievais no país.

As análises permitiron confirmar que as igrexas de Santa María de Mixós e San Adrián de Amiadoso deberon ser construídas nalgún momento dos séculos VIII ou IX (en ambos os casos, a maior parte dos estudos recentes coincidían en situar a cronoloxía destes templos entre os séculos IX e X). Unhas datas que coincidirían coas primeiras incursións dos musulmáns en Galicia.

Por outra banda, as datacións radiocarbónicas de San Xoán de Panxón e San Breixo de Ouvigo abren a posibilidade de que estas dúas antigas igrexas sexan máis modernas do tradicionalmente proposto (século X para Panxón, e séculos X-XII no caso de Ouvigo), se ben os investigadores piden tomar estes resultados “con precaución”, aínda que consideran “plausible” a súa hipótese.

Estes novos resultados cronolóxicos comparáronse cos do conxunto das igrexas altomedievais para as cales xa hai citas absolutas —Santa Comba de Bande, San Xés de Francelos, Santa Eufemia de Ambía, San Martiño de Pazó, Basílica da Ascensión, os restos da igrexa ubicada no xacemento da Cidadela e San Martiño de Armental—, obtendo a primeira visión xeral non só das tendencias cronolóxicas (ao final do século IX e principios do século X, aparentemente un período de especial intensidade da construción de igrexas), senón tamén das características técnicas, formais e espaciais que definen as primeiras igrexas medievais galegas. Unhas datas que tamén coincidirían coas primeiras grandes incursións dos viquingos en Galicia.

Para os autores do estudo, “reflicte sen dúbida, un contexto social de fundadores e promotores igualmente complexo e dinámico” que será obxecto de próximas investigacións. Podes ler toda a información no GC.

Pode que che interese...